78 persoas perderon a vida nas estradas galegas no 2021

Iniciamos novo ano, e toca facer balance da pasada anualidade en todos os sectores posibles. E precisamente iso foi o que fixo o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, na presentación dos datos de sinistralidade viaria de 2021 das que se desprende unha evolución positiva de redución dos sinistros en estradas estatais.

Así, durante o 2021 nas estradas do Estado producíronse 921 sinistros nos que perderon a vida 1.004 persoas e outras 3728 resultaron gravemente feridas. Estas cifras representan 97 falecidos menos (- 9%) que en 2019 (ano de referencia) e o segundo mellor ano da serie histórica, só por detrás de 2020, ano no que faleceron 870 persoas pero que se trata dunha estatística distorsionada pola pandemia.

O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, sinalou na presentación destes datos que “o balance de sinistralidade viaria de 2021 indícanos que mantivemos a tendencia positiva de redución da sinistralidade que experimentamos na última década, pero hai que engadir que a valoración non pode ser positiva porque 1.004 falecidos na estrada o pasado ano son demasiados”.

Grande- Marlaska presentou o balance provisional de sinistralidade viaria 2021 referido aos accidentes ocorridos en vías interurbanas con falecidos no momento do sinistro ou nas 24 horas seguintes. O ministro estivo acompañado polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro; o xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, xeral José Ignacio Criado, e o fiscal de Sala de Seguridade viaria, Bartolomeu Vargas.

A cifra de 3.728 feridos graves como consecuencia dun sinistro viario tamén se reduciu en 705 persoas, un 16% menos á rexistrada en 2019 (4.433).

Datos en Galicia

No tocante aos datos da comunidade, as estradas galegas rexistraron no último ano un total de 2.213 accidentes con vítimas, dos cales 74 foron sinistros mortais. Cifras que amosan tamén ese descenso acusado dende 2019 con 2783 sinistros con vítimas rexistrados e 81 deles mortais.

En canto ás vítimas, no pasado ano 2021, Galicia rexistrou 78 falecementos en accidentes de tráfico e 307 feridos de gravidade, fronte aos 88 e 420 do ano 2019 (respectivamente).

Dos 78 falecidos, 57 eran homes e 21 mulleres. Confírmase tamén o peso dos usuarios vulnerables (peóns e motoristas) na accidentalidade mortal de Galicia, xa que representan o 33 % da accidentalidade mortal. Asemade, segundo revela o balance presentado polo Goberno, o 34% dos falecidos en turismos e en furgonetas non facían
uso do cinto de seguridade. O 100% dos falecidos en motocicleta (13) e en bicicleta (1) si facían uso do casco.

Na nosa provincia, se rexistraron en 2021, 261 accidentes con vítimas dos cales 11 foron mortais. No relativo ás persoas, 40 resultaron feridas graves en accidentes de circulación mentres que 11 perderon a vida.

Mobilidade, parque e censo de condutores

No que a mobilidade refírese, durante o pasado ano rexistráronse 393,7 millóns de movementos de longo percorrido por estrada, o que supón un 8% menos que os realizados en 2019 (427,1 millóns) e un 23% máis respecto a 2020.

Este descenso na mobilidade produciuse en vehículos lixeiros (-10%) e principalmente en fins de semana cun (-15%). En cambio, o tráfico de vehículos pesados foi superior (+3%) ao rexistrado en 2019. O parque de vehículos incrementouse nun 2% respecto a 2019, chegando aos 33,2 millóns de vehículos e o censo de condutores mantense  igual que en 2019, con 27,3 millóns de condutores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com