O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu hoxe en Lugo a unha xornada informativa na que se presentaron as principais novidades da orde de axudas para impulsar a formación para desempregados (AFD) correspondentes á convocatoria 2018/2019, unha liña de apoios na que en 2016 un 60% dos alumnos que se cualificaron nestes cursos acadaron un emprego, catro puntos porcentuais máis que nos dous anos anteriores.
Tal e como sinalou o director xeral, o obxectivo destes apoios é incrementar a ocupabilidade das persoas sen un traballo facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral. Ao mesmo tempo, dótase a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. É unha formación homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda España.
Entre os colectivos que terán prioridade para acceder aos cursos están as mulleres, especialmente aquelas vítimas de violencia de xénero; os parados de longa duración; menores de 30 anos; emigrantes retornados; persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social; e alumnos con baixa cualificación.
Entre as novidades da convocatoria deste ano, á que destinará 26,6 millóns de euros para cualificar a 8700 alumnos e alumnas a través de 580 cursos, o director xeral destacou que se dará prioridade a especialidades vinculadas ao metal, naval e automoción, a docencia de formación profesional para o emprego e para as accións vinculadas coas competencias dixitais. Deste xeito, resérvase un 50% do presuposto para estas especialidades e para os cursos de competencia clave, que están dirixidos a aquelas persoas sen estudos básicos, e que, ao igual que na edición pasada, seguen tendo preferencia.
Así, tal e como informou Alfonso Marnotes, investiranse 6,65 millóns de euros (o 25% do orzamento) na realización de 145 cursos para cualificar a 2175 persoas sen emprego nos sectores do metal, o naval e a automoción. En competencias clave, con máis de 2,6 millóns, levaranse a cabo 58 cursos para cualificar a 870 persoas e, con preto de 4 millóns, desenvolveranse 87 accións sobre competencias dixitais para 305 desempregados.