A Xunta comunica que Galicia está a sufrir nas últimas horas unha elevada actividade incendiaria, de forma que se rexistraron ata 80 incendios na nosa comunidade desde o día de onte . Ademais, hai incendios en Portugal que están preto da fronteira con Galicia e que obrigan aos medios da nosa comunidade a multiplicar os seus esforzos para evitar que nos afecten. Xunto co reforzo dos traballos de extinción, estase a intensificar a vixilancia policial nos diferentes puntos, para atallar a actividade incendiaria.
Na provincia de Lugo segue activo o lume no concello de Cervantes, parroquia Donís. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 36 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 15 helicópteros e 2 avións.
A Xunta quere agradecer unha vez máis o esforzo e compromiso das persoas que traballan na loita contra o lume e facer un chamamento á cidadanía para que denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento e que alerten a través do número gratuíto 085 dos incendios que localicen.