9 de setembro

Este nove de setembro angurióuseme a alma ao decatarme que ese día facía sete décadas da morte de meu pai, José Antonio Giz, cando eu tiña cinco anos.

Poden os cumpreanos ser só cifras que alteran as conciencias e fan revivir feitos esenciais da vida. A min, na nenez vilalbesa, o 9 de setembro de 1952 fendeume a alma, convertiume nun neno triste e logo nun adulto tan relativista nos entusiasmos como nos fracasos, de maneira que a mellor noticia déixame frío un anaco vital, e a peor mantén un soplo de esperanza na loita interminable.

Meu pai morreu aos 39 anos. Seu pai tamén morrera moi novo. Velaquí a familia en vilo cando cheguei a esa idade por se a fatalidade se cumpría. E cando o meu fillo chegou a esa idade. Ao meu neto máis vello fáltalle case un cuarto de século, así que non creo que chegue a vivir para preocuparme.

O que hai que decir é que meu pai morreu porque un médico militar chamado Justo (paradoxas da vida) non soubo diagnosticar unha peritonite xulgando que eran cóxegas. Menos mal que non o puxo a facer instrución para quitarllas.

“Estaba de Dios que morrera novo”, decían as nosas xentes co natural fatalismo da raza. Deus non o levou á guerra, que foron homes. Deus non o volveu á casa falto de forzas e sobrado de entusiasmos. Se esto fose cousa de Deus, eu volveríalle as costas.

O caso é que un nove de setembro, recén rematadas as festas vilalbesas, meu pai morreu por abandono dun brutalán que a saber como conseguiu titularse. Fiquei mancado para sempre. Díxo Manuel María que “o home da Terra Chá ten a alma mancada”, e eu creo no Manuel (Adeus, Saleta!) moito máis ca noutras moitas cousas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com