Aprobada en pleno a Conta Xeral de 2014 e comparecencia do Concelleiro de Deportes

A Corporación municipal aprobou este martes nun Pleno extraordinario, cos votos a favor de PSdeG e Lugonovo, a Conta Xeral do 2014, que, como destacou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, certifica a situación saneada e estable do Concello.

Segundo recolle o documento, “só no último exercicio a débeda financeira baixou nun 20%, ata os 22,5 millóns de euros, mentres se mantén o investimento por habitante en 800 euros, sen aumentar ademais o esforzo fiscal por parte dos cidadáns, que se sitúa nos 600 euros por persoa”, asegurou Prieto. Deste xeito, “o Concello inviste nos cidadáns máis do que teñen que tributar, en concreto un 25%”, engadiu.

A edil de Economía destacou así mesmo que o nivel de execución do Orzamento 2014 é do 70%, similar a exercicios anteriores, o superávit ascende a 10,7 millóns de euros e o prazo medio de pago aos provedores é de 14 días, case a metade dos 30 esixidos por Lei.

Ana Prieto subliñou por outra banda que, “dende que entramos no Goberno traballamos decididamente” para rematar coa existencia de facturas con reparo de Intervención correspondentes a contratos vencidos.

CD Lugo

No Pleno extraordinario desta mañá, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, respondeu ás preguntas formuladas por ACE en relación ao CD Lugo. Grandío explicou que, aínda que non era o obxectivo, o Concello acadou un beneficio de 40.000 euros coa venda das accións.

O propio protocolo asinado coa entidade deportiva, engadiu, incluía a posibilidade de que, de superarse a data da devolución dos 600.000 euros achegados polo Concello para a conversión do Lugo en SAD, fixada para o 31 de decembro de 2013, non se concederían as subvencións recollidas no Plan Estratéxico.

O Concelleiro indicou que non era membro do Consello de Administración na data na que ACE preguntou se o edil tiña coñecemento das contas presentadas polo CD Lugo á Liga de Fútbol Profesional; que non percibiu remuneración por asistir ás reunións do Consello de Administración; que si acudiu a ditas xuntanzas, excepto unha; que recibía e estudaba as ordes do día e as actas; e que os “supostos” asuntos aludidos por ACE sobre o funcionamento do club “nunca foron obxecto de acordo en ningún Consello, nin os representantes das institucións participabamos na xestión diaria do club”.

A Alcaldesa, Lara Méndez, pola súa banda, esixiu “rigorosidade” a ACE, grupo ao que instou a solicitar e estudar a documentación oficial ao respecto antes de pedir “precipitadamente” comparecencias como a de hoxe, baseada “nunha nota de prensa”. A rexedora destacou o revulsivo económico que supón para a cidade que o CD Lugo estea en Segunda A e que a axuda económica que prestou o Concello, a instancia da propia entidade deportiva, non tivo ningún custe para as arcas municipais.

Pola súa banda, o GMPP criticou o “pouco realismo e rigor” do goberno en materia económica. Jaime Castiñeira afirmou que “o novo goberno segue cunha lectura triunfalista que maquilla a realidade, como o baixo grao de execución da partida de servizo de axuda no fogar, na que quedou case un 40% pendente, e da dos investimentos, na que só se actuou nun 20% do previsto”.

Castiñeira asegurou que “co ultimátum de tres meses para rematar cos contratos caducados que plantearemos no vindeiro pleno, verase o vontade real do goberno por corrixir unha situación na que non teñen avanzado nada”. O voceiro popular criticou asemade “a improvisación do goberno coa convocatoria da Mesa Local de Comercio” e anunciou que preguntará aos socialistas pola validez dos acordos, “algún para un acto que se ía celebrar poucos minutos despois” .

Pola súa banda, o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, non ficou satisfeito coa “falta de concreción das respostas do responsable de Deportes José Manuel Díaz Grandío sobre as súas funcións como membro do Consello de Administración da S.A.D. e agarda que o concelleiro aporte máis información cando responda por escrito á outra batería de preguntas rexistrada previamente por ACE-EU”.

“Tanto das xeneralidades emitidas por Grandío no pleno, que se limitou a achacar a non devolución en tempo por parte do clube dos cartos aportados polo Concello á famosa lentitude de todas as administracións públicas e que fixo alusión de forma xenérica a que a tarefa do Consello de Administración, non está relacionada coa xestión diaria do clube nin coas decisións deportivas; así como dos datos extraídos da auditoría do C.D. Lugo publicados na prensa; dedúcese que o papel xogado polos representantes públicos na S.A.D. é cando menos cuestionable, pola falta de transparencia (obrigada por Ley) nas retribucións dos conselleiros (senón cobraban nada nin disfrutaban de dietas habería que especificalo públicamente sen necesidades de seren preguntados), ou polo déficit na proporcionalidade da formación do propio Consello (tendo o 49% das accións, os cargos públicos só supoñían o 38%)”.

“Que os representantes do Concello e da Diputación non comezasen a desempeñar a súa labor de control no Consello de Administración do C.D. Lugo ata máis de medio ano despois de constituída a Sociedade Anónima, tal como asegurou Grandío, é outra evidencia da total deixación de funcións por parte da Administración na súa obriga de velar polo uso correcto dos cartos públicos”, afirma Portomeñe.

“Se como asegurou Grandío esta mañá, nas xuntanzas do Consello non se trataban temas de contabilidade, nin de tipo administrativo, deportivo ou laboral a pregunta principal segue sendo, ¿a qué se dedicaban os membros do Consello de Administración, a xogar ao tute? ¿Só eran conselleiros do clube para asistir ao palco presidencial?”, insistiu o concelleiro de ACE-EU.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com