99 persoas desempregadas traballarán este verán na prevención de lumes en 66 concellos lugueses

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de notificar aos concellos a resolución do programa de axudas Aprol Rural, ao que destina 1,3 millóns de euros para facilitar a contratación de 99 persoas desempregadas que levarán a cabo tarefas de prevención de incendios en 66 concellos lugueses, a práctica totalidade dos da provincia.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a través desta liña de colaboración cos concellos rurais, a Xunta facilita a realización de contratos para a desenvolver labores preventivas nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.

Os municipios de Lugo reciben financiamento da Xunta para crear entre un e tres empregos no marco desta orde, que dá prioridade aos concellos fusionados e aos emprendedores. Os contratos terán unha duración de nove meses a tempo completo.

En canto á distribución por zonas, na Mariña destínanse 327.900 euros a financiar 24 contratos; na Zona Sur a Xunta apoia a contratación de 22 traballadores cun investimento de 302.900 euros e na Terra Chá e Meira destínanse 235.000 euros para 17 empregos.

Pola súa banda, as axudas concedidas nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares suman 167.750 euros para promover 12 contratacións; na área de Sarria impúlsanse oito con 115.200 euros e nas comarcas de Lugo e A Ulloa facilítase a integración laboral de 16 persoas coa concesión de 219.000 euros aos concellos.

Arias incidiu en que esta colaboración enmárcase nos programas da Xunta para impulsar o emprego local, que inclúen outras liñas de axudas como as dirixidas a contratar a persoas perceptoras da Risga ou a que facilita cubrir postos de socorristas. Lembrou que esta última, que tamén acaba de resolverse, permitirá contratar a 97 vixiantes para as praias e piscinas de 36 concellos lugueses, cun investimento autonómico de 315.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com