O Goberno Municipal comunicoulle esta mañá, ao concelleiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, unha resolución da Alcaldía concedendolle a consulta da documentación do PXOM o vindeiro luns 30 de novembro nas dependencias do Servizo de Urbanismo. En dita notificación non se fai referencia algunha á aparición ou non, do expediente de 2004 que a propia alcaldesa confirmara que se atopaba traspapelado.
O voceiro de Ace-Eu declarou, “Non dubidamos da boa vontade do goberno local no canto a concedernos o acceso á información pública, dereito que por outra parte nos pertence como representantes electos da cidadanía e mesmo como cidadáns, pero o certo é que, transcurrido o prazo legal de resposta, non podemos confirmar que os documentos en cuestión fosen localizados, o cal de por si é un feito de suma gravidade, e ademáis teremos que agardar dúas semanas máis para saber sequera se apareceron. Non se trata só do deber de transparencia que o Concello debe cumprir, senón que estamos a falar de que ninguén sabe onde están uns documentos que costou moitos cartos públicos redactar”.
O pasado martes 10 de novembro ACE-EU rexistrara dúas solicitudes nas que pedía ao Servizo de Urbanismo a consulta do proxecto de Plan Xeral de Ordenación Municipal remitida á Xunta de Galicia en decembro de 2004.