O Padroado da Fundación TIC aprobou este luns o presuposto para 2016, que ascende a 1.802.395 euros, un 1,67% máis que o exercicio anterior. Inclúe 175.000 euros da encomenda da Deputación para o Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, o InLugo, que continuará xestionado a TIC con fondos exclusivamente provinciais.
O Presidente da entidade e da Deputación, Darío Campos, valorou o traballo que vén desenvolvendo a TIC nos últimos oito anos e avanzou “que manteremos as liñas de actuación que puxo en marcha José Ramón Gómez Besteiro a prol dun ensino de calidade, o benestar dos nosos maiores, o labor social, o apoio aos Concellos e á promoción da provincia”. Campos defendeu “a igualdade de oportunidades como un piar fundamental do sistema educativo. Por iso, o ano que vén volveremos destinar parte dos nosos recursos para que a matrícula da Escola de Imaxe e Son sexa gratuíta por noveno curso consecutivo”.
Unha parte das actividades da TIC estarán enfocadas a garantir un ensino de calidade adaptado ás demandas dun sector en continuo cambio. “Unha das nosas prioridades é o emprego, polo que reforzaremos as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio para que teñan a formación adecuada á demanda do mercado”. Ademais, avanzou que “dentro deste obxectivo, seguiremos a traballar para acadar convenios con empresas do sector audiovisual, a través da Escola ou da Lugo Film Commission, coa finalidade de proporcionar experiencia laboral aos nosos alumnos e titulados”.
Anunciou que en 2016 “incrementaremos a presenza do InLugo con actividades formativas en diversos puntos da provincia co obxectivo de facilitar a todos os lucenses maiores de 55 anos o acceso ás novas tecnoloxías, independentemente do lugar no que residan”.
En 2016 a TIC tamén centrará parte do seu traballo no labor social a través do apoio a organizacións sen ánimo de lucro. “Neste momento xa superamos os 150 convenios de colaboración con entidades sociais, culturais e deportivas, co obxectivo de contribuír a difundir o labor que desenvolven a prol dos lucenses”, apuntou Campos. Ademais destacou o traballo de promoción da provincia, tanto desde o punto de vista turístico como económico, así como a cooperación cos Concellos con contidos audiovisuais que difunden as actividades que promoven as Entidades Locais.
Na reunión deste luns acordouse a continuidade de Margarita Soilán Carbia como xerente da Fundación TIC, “unha persoa cunha longa traxectoria no sector e acreditada experiencia na dirección de empresas audiovisuais que, nos anos que leva ao fronte da xerencia, demostrou a súa valía profesional e potenciou a presenza da TIC e da súa Escola na sociedade lucense”. Ademais aprobouse a incorporación do Deputado Miguel Ángel Sotuela ao Padroado, do que tamén forman parte como patróns Álvaro Santos, Ramiro Moure, Xosé Ferreiro, Jorge Coira e Arturo Vaquero.