Barreiro asegura que segue a traballar para que se instale a nova comisaría no barrio da Residencia

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou que “seguimos a traballar para que Lugo teña canto antes, unha nova comisaría de policía no barrio da Residencia”. Barreiro fixo estas declaracións despois de manter unha reunión co Director Xeral da Policía, Ignacio Cosidó e o Secretario de Estado da Seguridade Social, Tomás Burgos.

O dirixente popular explicou que o PP mantén o seu proxecto inicial  de situar a futura comisaría de policía no vello hospital. “Será bo para as Forzas de Seguridade, xa que o edificio actual está obsoleto, e para os propios veciños do barrio”, sinalou.

O líder dos populares en Lugo declarou que exporá ás tres administracións implicadas: Xunta, Dirección Xeral da Policía e Secretaría de Estado da Seguridade Social, a celebración dunha reunión a tres bandas, para tratar a cesión dos edificios por parte da Xunta porque este “é o seguinte paso para desbloquear o proxecto”.

Barreiro destacou que “os Orzamentos Xerais do Estado para 2016 destinarán 100.000 euros para a construción da nova comisaría”. O Goberno aceptou a emenda presentada polo GPP no Senado, liderado por José Manuel Barreiro, na que se instaba ao Executivo para incluír esta partida orzamentaria para iniciar o proceso de construción. Ademais, a Dirección Xeral da Policía incluíu o proxecto de Lugo no seu plan de construción de novas comisarías en España.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com