O Grupo Provincial do Partido Popular ven de solicitar que a Deputación de Lugo repare e rehabilite a estrada LU-P-3202 que comunica Monforte con Currelos. Os populares presentaron unha moción para o seu debate no pleno do próximo martes na que instan á administración provincial, titular da vía, a que dote de financiamento esta actuación nos orzamentos do vindeiro ano 2016.
Os populares na Deputación de Lugo defenden a necesidade desta actuación ao tratarse dunha vía que se converte nun dos principais accesos ao centro de Monforte dende o corredor, que comunicará a localidade con Lugo e que se porá en servizo o 27 deste mes.
O Grupo Provincial do Partido Popular explica que esta infraestrutura viaria que, polo tanto, soportará unha importante afluencia de tráfico, presenta o estado do seu firme deteriorado o que pode chegar a ocasionar graves problemas de seguridade.
De igual xeito, os deputados do PP lembran que o anterior goberno, presidido por Elena Candia, coñecedor do estado desta vía, xa tiña previsto dotar co suficiente financiamento esta actuación nas contas do vindeiro ano. É un compromiso dos populares que, dado o cambio de goberno, agora solicitan que sexa atendida esta petición polos socialistas e nacionalistas ao tratarse dun acometido de importancia para os veciños da localidade.