Un equipo da Fundación TIC filmou este sábado os actos conmemorativos do 150 aniversario da Banda de Música de Chantada, unha das máis antigas de Galicia.
As cámaras da TIC realizaron a gravación íntegra do concerto homenaxe a Padroa da agrupación musical, Santa Icía, no auditorio municipal. O equipo da TIC gravou tamén a exposición fotográfica “150 anos de música”, na Casa da Cultura, e varias entrevistas a persoas vinculadas á entidade. O material audiovisual quedará recollido nun documental sobre a historia da Banda de Chantada, que os irmáns Manuel e Antonio Fernández, “Os Ferraias”, fundaron no ano 1865.
No recoñecemento á traxectoria da agrupación participaron músicos de todas as etapas, entre eles, o trombonista Manuel Fernández, “O Piñeiro”, e o clarinetista Antonio Ledo, “O Rato”, de 90 e 87 anos de idade respectivamente. Tamén asistiron os descendentes dos creadores da Banda e autores da afamada Muiñeira de Chantada.
A Fundación TIC ten subscrito un convenio de colaboración coa Banda de Chantada a prol da promoción que fan da música e da cultura na provincia, coa divulgación de iniciativas como o Campus musical e artístico Ventos do Norte, do que xurdiu á rodaxe dunha curta sobre a agrupación.
Na actualidade, son 150 as ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais, e entidades deportivas que a TIC apoia coa realización de traballos audiovisuais, que permiten completar a formación teórica dos estudantes da Escola de Imaxe e Son de Lugo, e favorecer a súa inserción laboral.