O Grupo Provincial do Partido Popular vai presentar maña unha moción para o seu debate,, na que esixe que se reforcen as competencias que ten o pleno da Deputación de Lugo ante a debilidade que ten manifestado o Goberno bipartito, que segundo os populares “é incapaz de xestionar a institución polas súas loitas internas”.
Os populares na Deputación consideran que a “falta de entendemento” entre os membros do Goberno provincial “non está a permitir un correcto funcionamento da institución, cuxa xestión se atopa paralizada en mans de socialistas e de nacionalistas”. Os populares consideran que “é moi necesario que o pleno reforce esta situación de desamparo e se garanta unha xestión pública en condicións aos lucenses”. Con esta iniciativa, os populares piden unha modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación co obxecto de que se restablezan no pleno todas as súas competencias, que no seu día foron delegadas á Xunta de Goberno, “o cal atópase paralizado e limítase a adoptar iniciativas de bloqueo das medidas tomadas polos populares no Goberno. Está a dar marcha atrás”.
A moción tamén inclúe a regulación do uso de todos os locais de reunión da corporación provincial, para a súa utilización por todos os deputados provinciais, coa finalidade de que estes podan levar a cabo as actividades propias á súa condición de deputados provinciais. Do mesmo xeito, tamén esixen que esta modificación do ROF inclúa que o dereito ao acceso á información por parte dos deputados provinciais, leve implícito o libramento de copias dos documentos, agás aqueles que se exceptúen por lei.