A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, acompañada da restauradora Mar Sobrino, visitou este martes os traballos que está a desenvolver o Concello a través do Plan Urban para restaurar e musealizar os mosaicos romanos de entre os séculos III e IV, únicos en Galicia, atopados no lugar en escavacións realizadas en 1999 e 2001.
Parte destes mosaicos, que pertencen á que se considera a domus máis grande da cidade romana, a Domus Oceani, xa se poden observar a través dunha ventá arqueolóxica situada nesta mesma rúa, así como na sala expositiva Domus do Mitreo e en negocios locais da zona. “Dende a semana que vén, todos os lucenses e visitantes poderán observar novos fragmentos deste xacemento arqueolóxico a través doutras tantas ventás arqueolóxicas, unha actuación que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros”, explicou a edil. Estas obras realizáronse en tres fases: unha primeira na que se abriron os ocos no pavimento, unha segunda na que se traballa na restauración dos mosaicos e a terceira, na que se instalarán as ventás cun vidro antideslizante que ofrecerá todas as garantías de seguridade necesarias. Terán iluminación, un sistema de vixilancia e un sistema de ventilación.
Tal e como declarou Sobrino, quen puxo en valor a calidade destes mosaicos, a obra pasou pola limpeza da consolidación dos mosaicos, que ocupan uns 20 metros cadrados, “unha intervención dificultada polo sitio no que se atopa, debaixo da rúa, o que limita os movementos”, a retirada en seco da terra que se atopaba nas xuntas das teselas e a súa substitución por morteiro de cal.
Ana Prieto subliñou que, “grazas ao Plan Urban os lucenses e visitantes poderemos contemplar estes novos restos arqueolóxicos, e agradeceu o esforzo realizado polo servizo de Arqueoloxía municipal e das restauradoras, “que traballan pola defensa do noso patrimonio”.
Con estas dúas novas ventás, son 6 as que se abriron no casco histórico de Lugo e que se suman ás que deixaron á vista a piscina romana de Santa María, os restos do acueducto na praza de San Marcos, os restos da Muralla na rúa Nova e a que deixa á vista un fragmento do mosaico da Domus Oceani na rúa Doutor Castro. A estas hai que engadirlle outra ventá situada no Vello Cárcere e a dos restos do templo romano no Círculo das Artes.