O BNG ven de realizar un acto en Lugo contra a violencia machista. Durante o acto a edil do BNG – Asembleas Abertas, Maite Ferreiro anunciou que no vindeiro pleno do concello de Lugo se tratará unha proposición para reclamar as modificacións lexislativas e normativas precisas para a fondar na loita contra esta forma de terrorismo que dende o ano 1999 leva contabilizado máis de 1.000 mulleres asasinadas en todo o estado
No acto foron proxectados dous vídeos que forman parte da campaña que o BNG levará a cabo a través das redes sociais e houbo diversas intervencións nas que se denunciou que “a violencia machista é un dos problemas máis graves que ten que enfrontar a nosa sociedade”.
Ferreiro significou que “despois de anos de aplicación, insuficiente en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos, a violencia machista segue presente na nosa sociedade”. Por iso, cómpre avanzar e darmos pasos adiante que melloren os marcos legais e realizar un labor preventivo e educativo maior. “Ante a gravidade do problema consideramos fundamental a inclusión do Feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres e que serva de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de Feminicidio” dixo Ferreiro.
Doutra banda, a resposta fundamentalmente penal diante deste problema tense demostrado como insuficiente, polo que é preciso avanzar no apoio económico, psicolóxico e social así como na prevención. Corresponde á Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza, converterse nunha referencia para o combate deste problema e presionar para que se avance no recoñecemento das realidades de violencia machista e na súa prevención.