A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde mañá luns, e ata o vindeiro venres día 4, unha campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar. Nela, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil comprobarán que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa establecida na materia, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.
A Delegación do Goberno destaca que esta campaña ten unha especial transcendencia en Galicia debido á gran extensión de rutas de transporte escolar existentes na Comunidade. Para reforzar o seu seguimento, están convidados a participar na devandita campaña os concellos que dispoñen de policía local.
Aínda que a vixilancia por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, nos próximos días intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas. O obxectivo é concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte.
De acordo coas estatísticas da DXT, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos e, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes.