A edil do BNG – Asembleas Abertas criticou a Concelleira de Cultura pola organización do XV aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade e cualificou os actos conmemorativos como “tristes, fríos e pouco participativos”. Maite Ferreiro lembrou que “o BNG – Asembleas Abertas presentara unha proposta para cortar o tráfico na ronda e organizar actos nos que se implicara a toda a cidadanía”.
Para o BNG – Asembleas Abertas a celebración da declaración da Muralla como Patrimonio da Humnidade foi pouco imaxinativa e non se contou cos colectivos lucenses para facelos partícipes do evento. “É unha magoa que non se contara cos clubes deportivos, asociacións culturais, grupos de teatro, artesáns, grupos musicais, colectivos sociais e con toda a xente que traballa, dun xeito organizado, nesta cidade” dixo Maite Ferreiro e sinalou que “non houbo actividades que motivasen á cidadanía a participar, agás o lanzamento de faroliños voadores”.
A edil nacionalista fixo referencia aos actos organizados no ano 2011. cando o BNG tiña responsabilidades de goberno na área de cultura. no que se cortara o tráfico na ronda e se conseguira rodear o monumento cunha corda que foi portada por miles de lucenses e apuntou que “naquel acto tiveran cabida os clubes deportivos, asociacións culturais, grupos de teatro, artesáns, grupos musicais, colectivos sociais”.