Lugo Monumental e a Protectora de Animais de Lugo unen as súas forzas para facer unha campaña de concienciación para Nadal, na que lembran que os animais non son xoguetes, e a importancia de ser coñecedor da responsabilidade que se adquire ao encargarse dunha mascota. A intención desta campaña é atallar o problema dende o seu inicio, e tentar que a cidadanía asuma que unha mascota non é un xoguete que se pode gardar nunha caixa unha vez pasou o efecto da novidade.
A campaña tamén pretende facer fincapé na posibilidade de adoptar dunha mascota a cargo da Protectora de Animais en lugar de comprar unha. Hai centos de animais nas instalacións desta sociedade que están a esperar a que alguén se faga cargo deles, así que se trata, literalmente, de salvar unha vida. As opcións que ofrece a Protectora co seu programa de apadriñamento tamén son dignas de mención, xa que permite unha experiencia gradual que ten moi bos resultados, xa que moitos “padriños” acaban adoptando ao animal.
Asemade, a partir de hoxe varios establecementos asociados a Lugo Monumental tamén colaborarán na distribución dos calendarios da Protectora de Animais, cuxos beneficios estarán destinados a axudar financeiramente a unha organización cunha capacidade desbordada e que necesita axuda.
Os locais no que se poden adquirir os calendarios a partir de hoxe son os seguintes: Cervezoteca A Tinería, Dvorak 2.0, Xoiería Honorino Freire, A Decoración, A Tasca, O Pote, Ortopedia Praza do Ferrol, e os restaurantes Antas, Bulló Xantar, Tosar e Verruga.