O voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida declarou esta mañá en rolda de prensa que “o Concello de Lugo expuxo ao público un PXOM falso que non se adaptaba á Lei do Solo de Galicia vixente. Tras revisar a documentación de 2004, ACE-EU está en disposición de demostrar que o PXOM non foi modificado en absoluto no que corresponde aos aspectos regrados para axustarse á LOUG antes da súa aprobación inicial, polo que o proceso de exposición pública non foi máis que un engano á cidadanía”. Segundo Portomeñe “isto está recollido nas actas do pleno de aprobación inicial do PXOM de xaneiro de 2006, o naquel momento concelleiro de urbanismo Gómez Besteiro mentiu ao dicir que se fixeran os cambios indicados pola Xunta que eran de obrigado cumprimento”. “Expúxolle un plan falso, que nin sequera contempla os cauces fluviais do municipio, porque en pleno boom do ladrillo había que apurarse en sacar adiante un ordenamento feito á medida dos construtores e especuladores”, destacou Carlos Portomeñe.
Ante estas graves acusacións, o Goberno de Lugo emitiu un comunicado, logo das declaracións do voceiro de ACE no que entre outras di:”ante as manifestacións sesgadas e falsas que foron realizadas en relación coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, o concello informa de todos e cada un dos pasos que se deron no marco deste procedemento, demostrando que este foi totalmente transparente, rigoroso, lexítimo e legal: “A primeira proposta de PXOM foi remitida á Xunta de Galicia o 22 de decembro de 2004, para que puidese emitir un informe previo á aprobación inicial. Este informe previo é de carácter non vinculante o 15 de abril de 2005, a Xunta de Galicia remite ao Concello dito informe previo, que contén unha serie de observacións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, antes de proceder á aprobación inicial. Moitas destas observacións son consecuencia da reforma da LOUGA (Lei 15/2004 do 29 de decembro). Este informe previo tamén foi examinado por grupos políticos e os redactores do proxecto”.
O comunicado continúa: “O 26 de xaneiro de 2006, o pleno aprobou inicialmente o novo PXOM cun contido distinto ao proxecto do 2004, obrigatorio polo mandato legal da LOUGA e como consecuencia das modificacións introducidas a raíz do informe remitido pola Xunta. Logo procédese á súa exposición pública, para que os veciños e veciñas fiscalicen dito documento.
Esta exposición ao público, que durou dous meses, “fíxose nun proceso de máxima transparencia e difusión. Foi unha exposición sen precedentes, aberta e levada a todos os barrios e colectivos. Incluso se abriu unha oficina no centro Uxío Novoneyra para informar sobre o plan”.O 23 de xaneiro de 2009 déuselle a aprobación provisional cos informes favorables, remitindo o documento á Xunta a principios de febreiro”.
O escrito segue, “este proxecto aprobado provisionalmente foi obxecto de resolución por parte da Consellería nunha orde do 13 de novembro de 2009, pola que decide non outorgar a aprobación definitiva e sinalaba observacións a subsanar, pero ningunha deficiencia esencial, que considerara dito procedemento nulo de pleno dereito ou que obrigara a retrotraerse a adoptar un novo acordo de aprobación inicial e nova exposición pública.
En decembro de 2010 o Pleno acordou darlle o visto e prace ao proxecto de revisión do PXOM en cumprimento da orde do 13-11-09 ditada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Este proxecto contaba cos informes favorables dos servizos de Arqueoloxía, Arquitectura, Urbanismo, Enxeñería, Medio Ambiente e Intervención. Posteriormente, o documento urbanístico remitíuselle á Xunta.
Nas súas explicacións ao procedemento seguido polo cincello co PXOM continúa”o Concello de Lugo non ten competencia para a aprobación definitiva do PXOM, xa que é a Xunta de Galicia a única administración competente para facelo. O Concello soamente está facultado para a incorporación de puntualizacións esixidas polas Consellerías dentro das competencias destas.
Por orde do 29 de abril do 2011 (publicada no DOG o 16 de maio do 2011), a Xunta aproba definitivamente o 95% do PXOM. Dictada esta orde, o Concello está obrigado a realizar un documento refundido do PXOM. Unha vez feito, o Concello remítelle á Xunta as dilixencias -o 19 de xuño de 2012″.
“O PXOM publícase no Boletín Oficial da Provincia o 14 de febreiro de 2012. Quince días despois da súa publicación, o 5 de marzo de 2012, entra en vigor o 95% do PXOM de Lugo.
Unha vez aprobado o PXOM definitivamente interpuxéronse 20 recursos contencioso-administrativos, dos cales hai sentenza favorable do TSXG a favor do Concello en 15 (13 son firmes e 2 están recorridos ao Supremo). Outros 3 dos recursos foron estimados parcialmente en canto a peticións subsidiarias de pouca transcendencia. A día de hoxe, están pendentes 2 sentenzas. Remata”.