Conmemoración do día da Constitución na subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, presidiu o acto conmemorativo do 37º aniversario da Constitución Española, que se celebrou esta mañá na sede da institución en Lugo.

No seu discurso, Ramón Carballo referiuse aos valores da “concordia, o respecto, o compromiso e o diálogo” como os “eixos motrices” do consenso constitucional de 1978 e fixo fincapé neles “no convencemento de que hoxe teñen tanto valor e sentido político como o tiñan naquel momento”.

Lembrou que “logo de anos de totalitarismos e de enfrontamentos” a Constitución deunos “o período máis longo de intenso de progreso, estabilidade e convivencia en paz e liberdade”. “A ela debémoslle a recuperación das nosas liberdades, e mesmo da condición de cidadáns, así como tamén o establecemento dun modelo territorial que nos permitiu -e permite- convivir nun marco plural como é España; unha nación privilexiada onde collen todos os sentimentos e sensibilidades, estando garantida a pluralidade dende a unidade mediante a diversidade dos nosos territorios, linguas e costumes propias”. Aludiu neste senso á recente sentenza do Tribunal Constitucional na que se expresa que “a lexitimidade e a pluralidade dos nosos territorios vennos da propia Constitución”.

Ramón Carballo quixo reivindicar a labor dos pais da Constitución, “sete homes que fixeron política con maiúsculas, antepoñendo a responsabilidade de Estado aos seus propios intereses políticos e ideolóxicos”.

Nos últimos 37 anos, continuou, foron xurdindo novos desafíos e dificultades “que veñen amosarnos a necesidade de actuar con determinación, de unir esforzos e de acadar obxectivos conxuntamente, dentro das normas que nos marcamos” polo que reivindicou o espírito que viu nacer a Carta Magna do 78, “aquela vontade de entendemento, aquel propósito de reconciliación, aquel afán de convivencia, de paz e de liberdade”.

A intervención do representante gobernamental rematou asegurando que “hoxe, coma onte, nesta nosa sociedade dinámica e activa, temos que perseverar para acadar aínda maiores cotas de liberdade e progreso”.

Ao acto asistiron representantes da vida civil, militar, xudicial e eclesiástica da provincia. Entre os que se atopaban, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial, Darío Campos a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo; o subdelegado de Defensa, Ricardo J. Suárez, o comisario xefe provincial do CNP, Manuel Teijeiro; e o xefe da Comandancia de Lugo entre outros.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com