A campaña seguiu este domingo con diferentes actos dos partidos por toda a provincia aínda que estivo marcada pola celebración do Día da Constitución. Os partidos intentan con actos singulares captar a atención da cidadanía, así Nós-Candidatura Galega, puxo en escena nun acto celebrado na Praza da Constitución en Lugo, o envío á estratosfera do texto constitucional. Olalla Rodil, candidata ao congreso sinalou que “compre superar o marco que consagra a Constitución española de 1978, avanzar cara procesos constituíntes diferenciados nas nacionalidades históricas”. “Hai que poñer a constitución á altura que merece” dixo Olalla Rodil nun acto simbólico “para enviala lonxe da terra”. Rodil sinalou que “nin eu, nin moitas das que aquí vivimos puidemos decidir sobre este texto que agora padecemos”.
Rodil declarou “temos a vontade política para traballar na construción dun escenario de liberdade para este país”, explicou Olalla Rodil, “e ten que ser a vontade popular quen marque o ritmo por que estamos ante a crise dun sistema institucional que xira sobre a Constitución do 78 á que se suma a crise, non menos profunda, do modelo económico e social que arrasa os dereitos das nosas clases populares.
Olalla Rodil concluiu que “é o momento de dar un paso adiante co convencemento de ser máis fortes e conseguir avances máis importantes para defender os intereses das galegas e dos galegos ante o estado español”. “ Hai que mudar este modelo constitucional esgotado e abrir procesos democráticos para acadar a soberanía de todas as nacionalidades de este estado, cada un percorrendo o seu propio camiño” subliñou Rodil.
Nun acto do Partido Popular,José Manuel Barreiro portavoz do Grupo Parlamentario Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, asegurou hoxe que “o seu partido é o único que está en condicións de garantir que España non se fracturar fronte a aqueles outros partidos que están dispostos a vendela a cambio de gobernar”. “Co PP a unidade de España e os españois nin se cuestiona nin se negocia”, matizou Barreiro nun encontro con afiliados en Becerreá, coincidindo coa celebración do XXXVII aniversario da Constitución Española. Neste sentido, o líder dos populares en Lugo subliñou que “Rajoy defender sen fisuras o Estado Autonómico e unha Constitución que nos deu os mellores resultados da nosa historia e que votamos entre todos”. José Manuel Barreiro sinalou que aceptar as propostas de reforma que moitos expoñen hoxe “só pretende dar solución a desafíos conxunturais e sería unha forma de desprestixiar a Carta Magna”.
Pola súa banda a candidata ao Congreso, Margarita Pérez Herraiz, xunto a compañeiros de partido na comarca de sarria, levaron este domingo á capital do municipio a campaña de mobilización do PSOE cara o 20D para tratar cos veciños as súas preocupacións e debater as propostas dos socialistas na súa resposta.
O proxecto de canalización do río Sarria e Celeiro foi un dos temas centrais dos cidadáns. Trátase dunha iniciativa que o PSOE dende o Goberno de España e dende o Concello de Sarria impulsaron no 2011 e dotaron de 17 millóns de euros de fondos FEDER do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente para melloras en 6,7 quilómetros coas que poñer fin na súa totalidade ás inundacións na zona.
“A solución a esta situación pasa polo cambio o 20D, pola chegada do PSOE ao Goberno Central. Fomos os socialistas os que nos comprometemos co proxecto de canalización do río Sarria e Celeiro, que o Partido Popular dinamitou” Declararon.
Pérez Herraiz lembrou que o PSOE tamén dende o Congreso presentou emendas para a posta en marcha do proxecto de canalización do río Sarria e Celeiro, pero foron rexeitadas polo PP. A candidata socialista comprometeuse a seguir loitando por esta iniciativa, a recuperala e a financiala de novo. Neste senso, fixo fincapé nos recortes “desproporcionados” do PP dende o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente para Lugo. Pois para o 2016, recortou o presuposto deste departamento nun 3% no conxunto do país fronte ao 25% na provincia luguesa.