A anulación do PXOM de Vigo segue planeando sobre o urbanismo lucense despois de que ACE propuxese paralizar o PXOM de Lugo. Unha idea que rexeitan dende o Concello, que considera “imprudente” extrapolar a anulación de Vigo a Lugo “porque son procesos distintos, non comparables, e porque non hai ningún recurso contra o plan lucense baseado na suposta falta de informe ambiental estratéxico”. O edil de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, defendeu a legalidade do Plan Xeral, elaborado “cumprindo en todos e cada un dos seus pasos o procedemento establecido e as indicacións da Xunta de Galicia”.
Para Piñeiro, a proposta da ACE de paralizar o PXOM é “irresponsable e ilegal”, e advirte de que nese caso “calquera podería denunciar ao Concello por prevaricación, pois trátase dun documento aprobado que temos a obriga de aplicar”.
Prudencia dende a oposición
Unha actitude de prudencia que comparten os grupos municipais do PP e Lugonovo, pero que fan cadansúa valoración sobre a posta en dúbida da legalidade do PXOM. O voceiro do PP, Jaime Castiñeira, amosouse crítico coa alcaldesa, Lara Méndez, acusándoa de “estar máis pendente de nomear un Director de Persoal que de atender a un tema gravísimo que nos afecta a todos os lucenses”.
Castiñeira esixe a celebración dunha Comisión de Planeamento para “analizar a nova situación tras a sentenza de Vigo” así como do Consello Económico e Social co obxecto de “ditaminar os pasos a dar” ao tempo que desbotou a petición de paralización do actual PXOM “porque sería unha irresponsabilidade gravísima que suporía a paralización total do municipio e poría en perigo a dinamización económica e o mantemento e creación de emprego en Lugo”.
Pola súa banda Lugonovo anunciou que non entrará a valorar a situación actual por “respecto” tendo en conta que actualmente “a propia xustiza aínda trata de detectar se existen probas, e non só indicios, da ilegalidade deste Plan”, de forma que o grupo municipal asegura antepoñer “a responsabilidade aos réditos electorais”.
Así, defenden esa prudencia compartida por outros grupos e entenden que “lles corresponde aos tribunais anular ou manter un documento coma este que, aínda sendo cuestionable de principio a fin, debe estar suxeito a criterios moi superiores aos dos posicionamentos ideolóxicos de calquera partido”. Aínda así, dende o punto de vista político Lugonovo reitera a súa oposición ao PXOM ao entender que “a súa redacción estivo condicionada por intereses sectoriais que nada tiñan que ver coas necesidades xerais dos lucenses e que non se adecuaban nin á realidade social nin á urbanística do concello” tal e como explica o seu portavoz, Santiago Fernández Rocha.