O Grupo Municipal Popular asegurou hoxe que o actual goberno de Lugo “non é capaz de xestionar fondos europeos”. A formación fixo estas declaracións despois de analizar o grao de pagamento ou execución das obras que se inclúen no Plan Urban, un programa integral de mellora do caso vello cun investimento duns 10 millóns de euros, dos cales o 80% é financiado con Fondos Feder e o 20% con cartos municipais.
Desta maneira, os populares calculan que a día de hoxe aínda están pendentes de pagar ou incluso de comezar actuacións por valor duns 3 millóns de euros. A edil popular, Isabel Devesa, detallou hoxe os proxectos que se atopan nesta situación “a 20 días de que acabe o programa europeo”. Un dos casos que resalta é o da rehabilitación do vello cárcere, onde critican que o Concello “segue emendando as súas chapuzas con novos modificados que están pendentes de aprobar tanto para a primeira, como para a segunda fase”.
Devesa destaca tamén o estado das obras que afectan ao paseo interior da muralla; un deles, o da pavimentación de Vía Romana, está executado pero non certificado, mentres os outros aínda non comezaron, como é o caso do treito da muralla entre a rúa San Fernando e Rúa Nova, ou o que une Obispo Aguirre con Rúa Clérigos.
A edil denuncia tamén que tampouco hai nin un euro certificado da reforma da praza, cun orzamento de preto dun millón de euros, e aproveita para criticar a baixa da empresa adxudicataria, de máis de medio millón de euros.
Para Devesa, que un terzo do investimento do Plan Urban non estea en disposición de ser xustificado para poder contar cos fondos europeos é froito da “improvisación” e lamenta que “o Concello está perdendo unha oportunidade fantástica para poñer en valor o caso histórico”.