Os industriais da praza de Abastos, poderán atender de novo ao público no recinto entre o vindeiro luns e o martes, segundo informou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.
Deste xeito, cúmprense os prazos que o Goberno deu dende un principio. Entre o día 10 de novembro e ata este sábado, 12 de decembro, é dicir, nos 33 días previstos de peche da Praza, a empresa adxudicataria terá acometida obra por valor de 560.000 euros, a metade do orzamento total do proxecto, que persegue mellorar a competitividade e o posicionamento dos negocios, así como a propia imaxe da praza e busca favorecer o desenvolvemento da economía local.
O domingo, día 13, terá lugar o traslado dos industriais reubicados na carpa da Praza da Soidade e do mercado Quiroga Ballesteros á Praza de Abastos, e entre o luns e o martes abrirán de novo ao público neste emprazamento.
Coa segunda fase das obras de modernización da Praza, que contan cun orzamento de 1 millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a través do Plan Urban, liberarase o espazo central da primeira planta, abrindo dous ocos no eixo transversal, para lograr unha maior visibilidade de todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito. Trátase de adaptar a superficie comercial dispoñible á demanda, eliminando o efecto negativo que provocan os postos sen actividade e incrementando o seu atractivo e accesibilidade. Unha das principais intervencións é a comunicación da Praza de Abastos co párking soterrado de Santo Domingo, o que permitirá dotala dunha zona de aparcamento. A conexión farase mediante un corredor de comunicación, que ademais poñerá en valor os restos da calzada romana que se descubriron na escavación para construír o túnel.