Un cento de operarios e 64 máquinas da Deputación preparadas para o tempo invernal

A Deputación de Lugo xa ten preparado o habitual dispositivo invernal para facer fronte ás diferentes situacións que poida deixar a meteoroloxía nos vindeiros meses e que poidan afectar ás estradas provinciais.

O encargado de dar os detalles sobre o despregue de medios humanos e técnicos foi o deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, que explicou que nesta temporada contarán con 112 operarios, 64 máquinas e máis de 230 toneladas de sal nos 12 saleiros que se sitúan noutros tantos concellos da provincia. O deputado explica que o plan ten como obxectivo “garantir a seguridade nas estradas e o acceso a todos os núcleos de poboación, ofrecendo asistencia gratuíta a todos os concellos da provincia que o soliciten”.
De feito, en intensos temporais, o organismo provincial tamén actúa en estradas da provincia de León, pois lindan coas de Lugo e colabora con todas as administracións galegas nas tarefas de asistencia nas vías de diferente titularidade. Fernández Queipo destacou que “o importante é, en todos os casos, atender aos nosos veciños, preservar a seguridade viaria e evitar, de todos os xeitos, que núcleos de poboación, como ten acontecido na Montaña, se queden incomunicados”.

Fernández Queipo aproveitou para facer balance das actuacións no que vai de ano, un tempo no que a Deputación atendeu preto de 700 incidencias e empregou 1.180 toneladas de sal. O deputado lembra que a rede viaria de Lugo é a máis extensa de España, xa que conta con 4.200 quilómetros de estrada, dos que máis de 1.500 quilómetros están por riba dos 600 metros de altitude e 800 a máis de 800 metros con respecto ao nivel do mar.  “Tendo en conta esta situación, así como a orografía da nosa provincia, é necesario un operativo ben planificado, que responda de xeito rápido e eficaz”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com