A Deputación de Lugo presentou hoxe o seu portal de transparencia http://portaltransparencia.deputacionlugo.org/ que xa está dispoñible e que inclúe un grande volume de información relativa ao funcionamento e á xestión de cartos e recursos públicos desta administración. Así o anunciou esta mañá o deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, quen explicou que o portal cumpre coa Lei de Transparencia “pero vai máis aló, con gráficos de ata 80 indicadores” e incluíndo información que non se require na propia lei.
Para Rivera Capón “esta é unha idea pioneira xa que é a primeira vez que unha Deputación Provincial cumpre coa Lei de Transparencia e pon esta iniciativa a disposición dos concellos, que son os que teñen máis dificultades para poñer medidas que garantan o cumprimento desa normativa”. De feito, avanzou que son xa 55 os consistorios que se adheriron.
Rivera Capón salienta tamén a bidireccionalidade desta plataforma, xa que non só a administración achegará información, senón que ademais “os propios cidadáns poden solicitar os datos que desexen e despois porémolos á súa disposición, sempre que a lexislación o permita xa que hai que cumprir normativas como a de protección de datos”. Da mesma maneira, o representante provincial destaca que esta páxina será “a porta de entrada para a xestión dos orzamentos participativos, xa que os cidadáns van poder facer as súas peticións e suxestións a través desa vía”
O deputado saca peito co novo portal de transparencia ao comparalo co do Executivo central: “O noso é máis completo porque de feito nós comezamos a traballar nel antes que o Goberno do Estado”.
Dec 11, 2015 - 08:40 AM
Oh, que bonito!! gastar os cartos de todos en tratar de convencernos de que son moi transparentes cando en realidade siguen sendo o mesmo de smpre