Os gandeiros lucenses tiveron que escoller onde, como e con quen queren seguir loitando para conseguir uns prezos xustos polo leite. Algúns decidiron apoiar a tractorada de Agromuralla, a asociación xurdida hai uns meses á marxe das agrupacións sindicais agrarias, e fixérono levando os seus tractores a rodear a muralla. Hoxe, no primeiro día da segunda tractorada do ano, conseguiron xuntar a un total de 331 tractores, que permanecerán de forma indefinida ao carón do monumento romano e levando a cabo diversas accións, como é o caso das visitas á distribución.
Con esta medida pretenden lembrarlles ás empresas distribuidoras cal era o acordo asinado en Madrid a principios de outubro xa que, ao seu xuízo, só se cumpriu unha parte, a que implicaba a subida dos prezos do leite que paga o consumidor. Un aumento que iría destinado a beneficiar ao produtor, pero que na práctica non está implicando nin un céntimo máis para o gandeiro. Desta maneira, aseguran que “a situación segue a ser a mesma que hai catro meses”. Paralelamente denuncian que aínda a día de hoxe non está creada a comisión de seguimento comprometida en dito acordo.
Mentres, outra parte dos gandeiros lucenses optaron por seguir a liña oficial das reivindicacións, canalizadas a través das organizacións sindicais agrarias e agrupadas baixo a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que polo momento concentrou as súas accións na cidade da Coruña, onde xa se produciron bloqueos con tractores en áreas comerciais.