ACE-EU ten claro que a Xustiza anulará o PXOM de Lugo e pide traballar nun novo

O voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, está convencido de que o Plan Xeral de Lugo seguirá o mesmo camiño que o de Vigo, a anulación. “Todos saben que este plan está morto”, asegura con rotundidade. Para facer esta afirmación de tanto calado baséase en dous supostos. Por unha banda, o edil explica que “calquera recurso a unha licencia ordinaria concedida na Xunta de Goberno Local pode acabar tumbando o PXOM se se basea nos argumentos da sentenza de nulidade do Tribunal Supremo sobre o plan vigués”.

Por outra banda, segundo Portomeñe, a aprobación inicial do PXOM en 2006 fíxose sen atender as indicacións da Xunta, que eran vinculantes, de forma que se expuxo ao público “un documento fraudulento”, o cal ao seu xuízo tamén podería levar á anulación do plan.

De feito, ACE-EU fixo unha análise comparativa entre o plan enviado á Xunta en 2004 e o aprobado inicialmente en 2006, atopando que non se fixeron as modificacións requiridas, por exemplo, nos núcleos rurais. Así, a Xunta esixía que se identificasen as vivendas tradicionais e os núcleos rurais, para que deixasen de crecer en solo urbanizable e o fixesen a través de áreas de expansión. Sen embargo, tanto no documento de 2004 como no de 2006 non se delimitan estas vivendas.

En canto ao proceso para elaborar o novo PXOM, Portomeñe asegura que debe ser “realmente participativo e democrático, que se centre nas necesidades reais dos cidadáns, e non en megaproxectos virtuais como os que marcaron a era Orozco, pensados para enriquecer aos grandes construtores e especuladores e que acabaron en pontes sen tránsito e urbanizacións pantasma”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com