De Cándido Real a Luis Latorre

Menciono de avó a neto, para falar do Restaurante de nome tan especial como é o de O VERRUGA, símbolo da perfección culinaria en cidade tan gastronómica como a capital lucense.
Lembro especialmente tres experiencias no Verruga neste último medio século. A primeira, finais dos 60, unha comida dos funcionarios da Delegación de Informacion y Turismo, co Delegado, Alfredo Sánchez Carro, inventor do “Y para comer, Lugo”, na que ao final se uníu a nós Cándido Real, o propietario, bo conversador, magnífico anfitrión, facendo o que mellor sabía facer, atendendo aos clientes, neste caso especiais por representar á Administración de Turismo na provincia.

Xa daquela (a actual propietaria era unha rapaciña), era sabido que se Cándido era o perfecto relacións públicas, a alma mater gobernaba na cociña, chamábase Emilia, e grazas a ela O Verruga era un templo gastronómico.
A segunda experiencia foi cando eu –comezo dos 80- organizaba en Lugo os ciclos de conferencias de Caixa Galicia, e alí levamos cear ao psiquiatra Vallejo Nájera e a súa dona, que por certo se estreara como médico moito tempo atrás no Balneario de Lugo. E a terceira, avanzados os 80, cando no Concello de Lugo traballei en temas culturais, trouxemos a unha Semana de Música a Fernando Argenta e Araceli González Campa, os de “Clásicos Populares” de RNE,  que me pediron como favor especial que fosemos comer ao Verruga pola sona que o restaurante tiña en toda España.
Son tres fitos que lembro agora que Cándido e Emilia son historia, que a seguinte xeración formada por Miluca Real e Luis Latorre se xubilan, e que esta catedral gastronómica se vai pechar a fin de ano. Pero cando falei de Luis Latorre referíame á terceira xeración porque é o neto de Cándido,Luis, fillo de Luis e Miluca, quen a través do seu blog “Desde Lugo” e Galicia Digital anunciou que o Verruga pecha por causas naturais, pola xubilación dos seus propietarios. Por “causas naturais” porque é a mellor razón dun peche, aínda que en definitiva non sexa razonable que peche un restaurante coma este. E non digo que Luis Latorre, que nos demostrou a través da súa presidencia da Asociación Lugo Monumental que podería facelo se quixera, se faga cargo do Restaurante Verruga. Pero seguro que aínda é posible un milagre de Nadal que faga que o Verruga siga vivo, como seguirá vivo na memoria de milleiros de lucenses. Eu teño unha esperanza tan grande coma a muralla de Lugo, que vive unha festa de admiración permanente, de que o Verruga siga vivo. Coa fórmula que sexa. Gobernado por alguén digno de gobernar unha institución coma esta. E reafirmo esa esperanza coa palabra, o meu sinal de identidade, que poño ao dispor das ideas, dos feitos e das cousas –coma esta- que valen a pena.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com