A Deputación porá en marcha un plan de mellora dos catamaráns a finais de ano, aproveitando a redución de reservas nas rutas fluviais con motivo da tempada de inverno e das condicións climatolóxicas. Levaranse a cabo tarefas de mantemento e reparación das 4 embarcacións, pois algunha delas data de 1992,
O Goberno Provincial acordou isto logo de que o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, visitase nas últimas semanas os embarcadoiros, supervisase o funcionamento dos catamaráns e das rutas fluviais, e mantivese encontros con representantes dos establecementos. Tamén o fixo con membros do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a quen trasladou persoalmente a vindeira posta en marcha deste plan de mellora.
O Executivo Provincial quere potenciar as rutas fluviais e deseñar un plan coa colaboración de colectivos e establecementos da zona. Para elo, organizará encontros para escoitar as súas necesidades e propostas.
Plan Integral de Turismo
Estas melloras, enmárcase na aposta do Presidente, Darío Campos Conde, por potenciar o sector turístico para xerar riqueza e emprego na provincia, e para elo quere poñer en marcha un Plan Integral de Turismo na provincia.
“É unha ambiciosa iniciativa, que desenvolveremos ao longo do mandato (2015-2019), pois queremos converter a nosa provincia nun referente turístico no país, xerando emprego e favorecendo o crecemento económico deste sector. Hoxe o turismo xa representa o 13% do produto interior bruto de Lugo. Para elo, avaliaremos os recursos dos 67 Concellos da provincia, que fan Lugo sexa única: as tres Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO, a Ribeira Sacra, pola que seguiremos traballando para o seu recoñecemento internacional, os máis de 100 quilómetros de Costa, ou os máis de 800 quilómetros de rutas de peregrinación, entre outras moitas riquezas”, dixo no Parlamento galego.
“E farémolo en coordinación cos todos os profesionais do sector. Dende os establecementos hostaleiros, de comercio, empresas de lecer… ou cos colectivos que aglutinan a estes profesionais”, engadiu.
No orzamento para 2016, o Presidente está disposto a achegar 500.000 euros ao inicio do Plan Integral, así como outros 2 millóns de euros a maiores para o impulso do sector turístico na provincia.