O tren, os autónomos, as pensións, e os gandeiros, os temas da xornada de campaña en Lugo

Os partidos políticos seguen botando man das súas estratexias de campaña de cara ás eleccións do próximo domingo. A da orixinalidade é unha das máis utilizadas, e senón que llo pregunten a Nós-Candidatura Galega, que non dubidou en subir a un tren infantil para facer unha reivindicación clásica dos nacionalistas de Lugo. “Precisamos comunicarnos entre nós e o PP empeñase en mandarnos en tren a Madrid” dixo a cabeza de lista para o Congreso por Lugo, Olalla Rodil, que sinalou que “Lugo é a grande esquecida en materia de infraestruturas”.

Rodil puxo como exemplo os limitados horarios e o custe dos billetes no traxecto que une a capital da provincia con Monforte, pero tamén a ausencia destes noutras vilas como Rábade ou Guitiriz, nas que xa estivo anteriormente. “Lugo precisa de conexións ferroviarias que rachen coa súa desconexión territorial e por iso reclamaremos as competencias de transporte”, afirmou a candidata de Nós-Candidatura Galega, “para as deseñar en función das nosas necesidades”.

O PP e os autónomos 

Tampouco faltan nunca as promesas, que no caso do almorzo informativo do PP en Vilalba dirixíronse fundamentalmente aos emprendedores. De feito o candidato popular ao Congreso por Lugo, Joaquín García Díez, explicou que “se duplicará a duración da tarifa plana para os autónomos, de tal forma que aqueles que inicien o seu negocio poderán cotizar 50 euros durante un ano completo, en lugar dos seis meses actuais”. Pola súa banda o voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro botou man doutro clásico de campaña, o antes e o despois. “Co PSOE destruíronse 177.000 empresas, a maioría pemes, e 336.000 autónomos déronse de baixa; con Rajoy hai 96.000 autónomos máis  e máis de 140.000 asalariados deses autónomos”, explicou Barreiro, que tamén deu datos de Galicia. “Só na nosa comunidade os autónomos crearon, nos últimos catro anos, 6.328 empregos netos”, engadiu.

As pensións e o PSOE

As comparacións, neste caso en materia de pensións, tamén lle serviron aos socialistas para defender a súa candidatura. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou hoxe no local social de Esperante que “a única alternativa para facer fronte ás políticas baseadas na perda de dereitos e capaz de garantir a sostenibilidade do sistema público de pensións é o PSOE”. Deste xeito, a rexedora lembrou que “mentres o goberno socialista de Zapatero deixou 70.000 millóns de euros no Fondo de Reserva da Seguridade Social e nunca retirou nin un só euro, o actual goberno do PP, con Rajoy á fronte, xa leva sacado preto de 40.000 millóns de euros”.

E de novo as promesas:O PSOE garantirá o poder adquisitivo das pensións, ademais de incrementar as pensións mínimas e as pensións de viuvez para maiores de 65 que non reciban outra pensión pública ata alcanzar o 60%, que foi suspendida reiteradamente polo Goberno do PP durante todo o seu período de Goberno”, engadiu Méndez.

En Marea cos gandeiros

Pola súa banda En Marea fixo dobrete onte domingo, pola mañá na feira de Castroverde e pola tarde en Escairón, no Saviñao, actos nos que participaron o candidato por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, a eurodeputada Lidia Senra e o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Rioboo, que tamén fixeron unha mención aos problemas que vive o sector primario. “Estamos nunha comarca agraria e temos que defender o dereito dos labregos e labregas para producir a nosa alimentación básica, deixando fora as multinacionais, e con prezos mínimos que cubran os custes de producción”, dixo Lidia Senra en clara alusión aos gandeiros.

Mentres, o candidato número 1 ao Senado lamentou que “os políticos e as institucións públicas non dan sensación de fiabilidade” e ofrece unha alternativa, como que “a xente común volva tomar as rendas da situación.  Queremos política para resolver problemas e para iso temos que votar En Marea”, concluíu.              

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com