O candidato popular ao Senado por Lugo, José Manuel Barreiro amosou hoxe a súa preocupación polo sector primario nunha entrevista emitida este mediodía en Lugo Si radio e da que poden ver un resumo neste mesmo portal. O actual voceiro do PP no Senado, preguntado polas principais carencias que ten a provincia, asegurou que “é fundamental facer un esforzo para que o sector do leite, a carne, o forestal ou a pesca dean un paso máis”.
No caso do sector lácteo, de actualidade nos últimos días, Barreiro propón traballar en dous “puntos febles”, como son “a capacidade organizativa e a transformación do leite”. “A actual estrutura non nos sitúa en disposición de ter capacidade de negociación”, xa que só na provincia de Lugo existen 45 cooperativas gandeiras, e compara esta cifra coas doutros territorios, como Andalucía ou Asturias, onde só existe unha. Por outra banda, para o senador e candidato “hai que incentivar os procesos de creación de valor, con fórmulas de transformación do leite en queixo, iogur ou outros”.
A campaña
José Manuel Barreiro tamén falou da campaña, “a máis mediática” da historia, algo que obedece “á participación doutras formacións que xorden en programas de televisión”. Ademais, para o senador lucense os políticos teñen que “reilusionar as votantes de forma permanente” e non só en campaña nin pola aparición de novas forzas emerxentes.
O presidente provincial do PP explica que durante a campaña están “tratando de contar o que se fixo, pero para iso é moi importante partir de onde estábamos”, e engade que agora “somos un país que lidera o crecemento e a creación de emprego, pero ten que ter continuidade porque hai 4 millóns de persoas que non teñen traballo”.
Barreiro aproveitou para lembrar o compromiso do PP de acadar a cifra de 20 millóns de persoas ocupadas ao remate da próxima lexislatura “e iso é o que está en xogo o día 20”. O senador tamén valorou os datos das enquisas, que sitúan á Nós-Candidatura Galega fóra do Parlamento español. “Non me sorprende porque o BNG é un partido con complexos. Cando unha formación non se identifica é que algo quere ocultar”, referíndose ao cambio de nomenclatura.
Para rematar Barreiro, preguntado por unha posible coalición para formar goberno se o PP non conta con maioría absoluta, tal e como indican as sondaxes, asegurou que “en España dende que estamos en democracia sempre gobernou a lista que gañou as eleccións, sempre se respectou a vontade das urnas, e se iso se rompese agora, habería que explicalo”. Do mesmo xeito, o candidato ao Senado asegura que aspira a ter maioría suficiente e lembrou que “o único voto que garante a estabilidade e o clima de confianza é o voto ao PP”.