O SLG e Fruga opóñense ao contrato único por non garantir un prezo sostible para o leite

O Sindicato Labrego Galego e Federación Rural Galega manifestaron hoxe a súa oposición ao principio de acordo para un contrato único que regule a recollida do leite acadado pola Interprofesional Láctea (INLAC) da que forman parte sindicatos, cooperativas e industriais do sector. Un dos principais motivos, e que comparten as dúas organización, é a ausencia dunha referencia expresa a uns prezos sostibles para o leite. O coordinador de sectores gandeiros de FRUGA, Elías Somoza, asegurou en declaracións a Xornal de Lugo que “a existencia dun modelo único non implica que as industrias vaian respectar uns prezos dignos”. “O primeiro que hai que facer é comezar a falar dun prezo sostible”, engade Somoza, “que permita que o que se pague polo leite cubra os custos de produción e un salario digno para o gandeiro”, engade. Pola súa banda a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane asegura que “o prezo poderá seguir sendo imposto unilateralmente polas industrias, tal e como acontece agora. O novo contrato permite que o prezo poida ser fixo, variable ou optar por unha fórmula mixta, pero non contempla ningunha referencia nin índice a partir do cal construír ese prezo, polo que seguirán sendo as industrias as que o impoñan ao seu antollo”. Outro dos inconvenientes que pode xerar o contrato homologado segundo o SLG é a arbitrariedade nos parámetros de calidade do leite de forma que as industrias poderán deixar de recoller o leite cando queiran coa escusa das calidades que elas marquen unilateralamente. Do mesmo xeito con este modelo, segundo explican dende o SLG, existe a posibilidade de que os contratos sexan por tempo inferior a un ano aínda que se propón a duración de 365 días. “É dicir, que a industria poderá seguir obrigando a gandeiros e gandeiras a asinar contratos dunha duración menor”, denuncian. En resumo, o SLG considera que “este é o modelo que nos tentan vender en plena campaña electoral e que non só non mellora a posición dos gandeiros e das gandeiras nas relacións contractuais do sector lácteo, senón que as empeora nalgúns aspectos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com