Este mediodía celebrouse en Monforte de Lemos o xantar anual do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA) que integra aos 21 consellos reguladores da comunidade autónoma (CCRR). Ao acto que estivo organizado, este ano, polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, asistiron un cento de membros dos CCRR de toda Galicia, así como as conselleiras de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, e do Mar, Rosa Quintana Carballo, o Alcalde de Monforte José Tomé e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entre outras autoridades.
Previo ao xantar, os presidentes e secretarios dos consellos reguladores celebraron unha xuntanza para facer unha análise da situación dos consellos reguladores da nosa comunidade.
Na xuntanza, falouse da necesidade de diferenciar entre o selo Galicia Calidade e o dos Consellos de Galicia, así como da necesidade de poñer freo á celebración indiscriminada de feiras ecolóxicas, nas que non hai ningún produtor certificado, xa que segundo o presidente de Craega, José Antonio Fernández Álvarez “non son feiras ecolóxicas, tan só utilizan o nome. É importante que neste tipo de feiras só podan concorrer os produtores certificados”.
Os presidentes dos consellos acordaron reunirse o vindeiro mes para elaborar un informe sobre a situación do sector e remitir as conclusións ás diferentes administracións.