Ricardo Varela: “En 137 anos nunca tivemos que cambiar as nosas siglas, no PSOE non nos tivemos que esconder”

O candidato do PSOE ao Senado por Lugo, Ricardo Varela, defendeu hoxe a longa historia do seu partido nunha entrevista emitida en Lugo Si radio. “O PSOE segue aquí porque sempre puxo enriba da mesa as propostas máis modernas”, asegurou, lembrando que é practicamente a única formación política de España que non cambiou de nome dende o seu nacemento. “En 137 anos nunca tivemos que cambiar as nosas siglas, non nos tivemos que esconder”, engadiu Varela.

Ao mesmo tempo, o actual senador socialista contrapuxo esa estabilidade na nomenclatura do PSOE coas dinámicas doutros partidos, como é o caso do BNG, que agora concorre ás eleccións como Nós-Candidatura Galega. “Existe unha certa tendencia dos partidos a cambiar as súas siglas, pero isto faise para que os cidadáns non identifiquen o partido con algunha actuación da que non se senten orgullosos”, explicou nos micrófonos de Lugo Si radio.

Varela tamén manifestou as ideas que os socialistas estiveron trasladando nos actos e mitins durante a campaña. “O máis importante é que temos un país que ten feito un traballo colectivo de éxito nos últimos anos, coa construción dun estado social, solidario, de dereito, onde os máis fortes protexen aos máis febles, e que estivo baseado no esforzo da cidadanía e no goberno do PSOE” explicou. Uns avances “de modernidade que se perderon en boa parte, camiñando cara atrás. Por iso a mensaxe agora é moi clara, e é que o que construímos podemos reconstruílo”.

O candidato tamén falou do federalismo, o modelo de Estado que propoñen os socialistas. “O modelo autonómico está permanentemente aberto a discusión, sobre os límites das competencias, a división de poderes…o que crea unha tensión permanente e inacabada”, mentres o Estado federal “é un sistema pechado, que determina exactamente a función de cada unha das partes que o componen e que remataría con esas tensións”.

Preguntado polas novas forzas emerxentes, Varela asegurou que hoxe en día “o gran adversario político do PSOE é a dereita, porque ten plantexamentos totalmente contrarios ao PSOE”. Así, “temos concepcións de vida enfrontadas, por iso hai bipartidismo, porque o PSOE é o partido da colectividade fronte ao PP, que é o da singularidade”, engade. Aínda así, o senador recoñece que nesta campaña apareceron outros adversarios, “que o son porque poden impedir que nós sexamos a alternativa á dereita, fragmentando o noso voto e conseguindo que a dereita siga gobernando”.

Falando en concreto de En Marea, Varela defíneo como “unha operación de marketing onde se xunta moita xente de signo político diverso que vén a presentarse cun nome que é atractivo pero que non sabemos a que resposta”. Para o senador “aínda non foron as eleccións e xa discuten se os deputados que poidan saír son de Esquerda Unida, Podemos ou AGE”.

Varela tamén falou do Senado, moi cuestionado, e que para o socialista debería ser unha cámara de representación territorial, tal e como contempla a Constitución. “Se as forzas políticas tivésemos chegado a un acordo para a súa modificación probablemente hoxe non estaríamos diante dun problema de fractura territorial polo caso de Cataluña, porque sería o Senado onde se tería discutido” considera. Ademais, o cabeza de lista cre que en España o Senado é máis necesario que noutros países, porque “falamos dun Estado moi descentralizado, de forma que a cámara territorial parece imprescindible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com