Foto Pleno Foto Pleno

Lugonovo e PP posicionanse sobre o sistema ORA e o PXOM

Os concelleiros de Lugonovo deron o visto e prace  á subrogación dos antigos traballadores da ORA pero pecharon todas as portas á posibilidade de que Vendex se postulase, unha vez máis, como candidata ao contrato ponte “que volvería a poñer en funcionamento o sistema”.

“Estas son as dúbidas que non resolveu a proposta do goberno – sinala o portavoz do Grupo Municipal, Santiago Fernández Rocha – e que determinaron a nosa abstención durante a votación. As manobras erradas do executivo dende que iniciou as xestións do servizo non fixeron máis que sementar dúbidas sobre a finalidade que perseguía con este proceso”.

En canto ao PXOM, Fernández Rocha apunta o consenso da formación á convocatoria urxente da Comisión de Planeamento e a que sexa no seo dela onde se tomen as decisións adecuadas para abordar tódalas dúbidas que provocou a suspensión do Plan de Vigo. “Nós sempre fomos moi críticos co documento de Lugo porque entendiamos que non se adapta á realidade da nosa cidade e que só favoreceu intereses especulativos, mais cremos tamén que lle corresponde á xustiza pronunciarse firmemente sobre a súa legalidade”.

Por outra banda, Lugonovo quere amosar a súa satisfacción porque durante a sesión desta mañá quedase aprobada por unanimidade a súa proposición para desenvolver varios roteiros que poñan en valor a identidade cultural da cidade. Unha iniciativa encamiñada a desenvolver unha rede de divulgación patrimonial da capital que achegue a veciños e turistas outros capítulos da nosa historia local que ata o de agora no se dinfundiron suficientemente. Para iso, a formación suxeriu, entre outras medidas, a creación dunha sinalética propia dos edificios, monumentos e vías, amparada nas novas tecnoloxías que, mediante, por exemplo, códigos QR remitan ao interesado toda a información relativa a datos de interese deses espazos.

Tamén se posicionou o Partido Popular no tema da ORA e do PXOM. Na proposta da ORA que a alcaldesa trasladou ao Pleno, o líder dos populares, Jaime Castiñeira, dixo que “reflicte o seu novo fracaso, nun pleno máis no que queda patente a incapacidade de diálogo do PSOE, que volve demostrar que Lugo está abocado ao bloqueo pola negativa dos socialistas ao esencial na democracia: conversar cos outros grupos políticos”.

Castiñeira subliñou que “é a terceira vez que leva a pleno, con idéntico resultado de fracaso, un intento por devolverlle o servizo da ORA a Vendex”. “A alcaldesa ten que darnos aos lucenses dúas explicacións: que é o que lle debe a Vendex para insistir tanto nesta cuestión e tamén quen manda no Concello de Lugo, porque dende logo está claro que dá a impresión de que non é a alcaldesa”.

No tocante ao PXOM, Castiñeira declarou que: “a indefinición da alcaldesa co PXOM pon en perigo a Lugo”. O voceiro popular afirmou que “é incrible e inaudito que o goberno municipal non tome medidas nin se aclare, á espera de que veñan outros a resolverlle o seu problema”  Castiñeira destaca que “parece que a alcaldesa non se dá conta de que o PXOM de 1990 levaría ao municipio á paralización e aos desenvolvementos máis prexudiciais”.

Réplica de XSG

Xuventudes Socialistas de Galicia emitiu un comunicado no que acusa ao Partido Popular de non apoiar aos traballadores, “preservando o mantemento da estabilidade no emprego, o volume e os dereitos laborais de todas as persoas asalariadas vinculadas á prestación de servizos públicos”. Ao tempo que poñen o punto de inflexión na lexislación “queremos recordarlle á oposición que a lexislación española non resolveucomo facer compatible o principio de estabilidade no emprego do persoal fixo nos procesos de reversión cos de acceso ao emprego público, constitucionalmente protexidos, cubrindo os baleiros mediante unha xurisprudencia cambiante”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com