Os autobuses que conectan co centro de Lugo serán gratuítos ata o 5 de xaneiro

O Concello anunciou que a partir de hoxe ás 16 horas e ata o 5 de xaneiro viaxar nas liñas de autobús que conectan co casco histórico de Lugo terá custo cero para os usuarios. Unha medida que vén a complementar a campaña O Nadal sorpréndete, que poñen en marcha de forma conxunta o Concello e a Federación de Comercio de Lugo que se presentou esta mañá nun acto no que participou a alcaldesa, Lara Méndez e o presidente da entidade, José María Seijas.

Sobre a gratuidade do bus urbano durante as festas cabe destacar que esta medida afectará a 4 liñas que pasan pola rúa Bolaño Rivadeneira e Santo Domingo. De luns a venres e sábados á mañá –laborais- as viaxes serán de balde na liña 3 –De Ramil a Fingoi-, 4 –De A Tolda (Conturiz) á Abella (Casás)-, 7A –De As Gándaras ao Cemiterio- e a 6 –De Montirón á Residencia (A Cheda), e os sábados á tarde, domingos e festivos as liñas 3AE, 4E, 5E e 6E.

“Con esta media o Concello pretende paliar a situación socioeconómica que aínda está a atravesar o sector e mitigar a situación da tractorada que rodea á Muralla e que pode afectar de forma colateral ás vendas”, destacou a rexedora, quen aproveitou para remarcar o apoio do Concello aos gandeiros. “Entendemos que o sector está afectado pero non debe reverter no desenvolvemento do pequeno comercio e máis aínda nunhas datas propicias á compra como na que nos atopamos a día de hoxe. O sector lácteo e o sector do comercio deben convivir, pois son dous piares estratéxicos do Concello”, asegurou Méndez.

Uns efectos que confirmou o presidente da Federación de Comercio de Lugo. “O consumidor merca onde se sinte cómodo, estamos creando embotellamentos no tráfico, é moi difícil poder aparcar e o comercio estase resentindo, sobre todo no centro e na zona da muralla”, asegura Seijas.

O presidente da entidade asegura que os comercios tiñan moitas esperanzas postas na campaña de Nadal xa que “na facturación ao longo do ano houbo incrementos e nesta liña é como se prevía que seguise pero isto pódenos romper as estatísticas” .

O Nadal sorpréndete En canto á iniciativa O Nadal sorpréndete, arrincará mañá e desenvolverase ata o 5 de xaneiro e ten como finalidade premiar as compras no comercio de proximidade. Diferentes personaxes propios do Nadal percorrerán as rúas da cidade, maioritariamente as do centro, en busca dos consumidores que compran no pequeno comercio para obsequialos con cheques que poderán ser canxeados por tarxetas de compra. Repartiranse en total 5.000 euros de premios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com