Representantes políticos de PP, PSOE e Lugonovo manifestaron no faladoiro de Lugo Si radio o seu desexo de que os grupos acaden acordos para conformar un goberno estable despois dos resultados das eleccións. O deputado electo do PP por Lugo, Jaime de Olano, o senador electo do PSOE por Lugo, Ricardo Varela e o voceiro do grupo municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, comparten a opinión de que a convocatoria dunhas novas eleccións sería a opción menos beneficiosa para España.
Na súa intervención, Rocha asegurou que “polo ben do país non debera haber unas novas eleccións, e máis nun país con experiencia democrática e de consenso suficientemente demostrado ao longo dos últimos 40 anos”. O voceiro de Lugonovo amosouse “convencido de que chegaremos a acordos para conformar o goberno que necesita España, que nos leve a cotas de benestar social e solucione os dous grandes problemas, o territorial e o social”.
Para Ricardo Varela a convocatoria duns novos comicios “non sería bo sinal, querería dicir que as forzas política temos pouca capacidade para conformar unha maioría de goberno, que é o normal e o que sucede nos países de Europa, onde os escenarios políticos son máis diversos, e son capaces de poñerse de acordo para formar goberno ou buscar apios parlamentarios”. O socialista explica que nestes comicios “apareceron novas forzas políticas, polo que temos que ser máis hábiles ou capaces para configurar goberno con apoio parlamentario suficiente”.
Na mesma liña se manifestou Jaime de Olano. “No sería bo para España nin para os españois ter que volver a unhas eleccións, porque España ten dous problemas fundamentais, un é o territorial, que fai máis urxente ter un goberno forte en Madrid para enfrontarse a este novo desafío”. Pero ademais, para o popular “tampouco sería bo dende o punto de vista económico; estamos nunha recuperación, creando bastante emprego pero a incertidume e a inestabilidade son inimigos da economía”. Polo tanto, para o deputado electo “é o momento dos grandes políticos”. Para Olano, os resultados do domingo deixan unha mensaxe clara: “os españois non pediron un cambio, senón que se pacte”.