O goberno de Lugo ten que decidir os proxectos e iniciativas cos que tentará conseguir fondos europeos a través do programa de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado. Tal e como xa anunciara, o Concello quixo abrir esta toma de decisión á cidadanía, que pode facer chegar as súas propostas para definir os retos, problemas prioridades e liñas de actuación cos que concorrer a esta convocatoria. Para iso, está dispoñible unha enquisa na páxina do Concello www.lugo.gal ata o 31 de decembro.
O executivo local informou de que un equipo de traballo, xa constituído, “elabora dende hai semanas a candidatura que o Concello presentará ao DUSI”. Farao antes do 13 de xaneiro, tras aprobala na Xunta de Goberno local, sen necesidade de que pase polo Pleno. Pero o grupo municipal popular non está de acordo con que o Concello delegue nunha consultora privada “o modelo de cidade para optar a 15 millóns de euros”.
Devesa explica que o grupo de goberno, na contra de implicarse con este programa, cando se coñecía con antelación a data da súa convocatoria, “confórmase con pagar a unha consultora 21.000 euros para que pense cal é o deseño de cidade que quere e prepare a documentación para formular a solicitude”.
A edil tamén cuestionou o sistema para contar coa participación cidadá que esixe a convocatoria. A popular ironizou con que o Concello “se limitou a colgar un anuncio en web municipal e un tuit da alcaldesa”, un feito que Devesa cualifica de “paripé para cumprir de cara á galería”.