O Concello de Lugo deu a coñecer hoxe os nomes dos establecementos gañadores do concurso de decoración de escaparates e establecementos convocado polo goberno local en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo e a Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo. Un certame que ten o obxectivo de “promover a creatividade dos empresarios de xeito que os seus establecementos sexan máis atractivos e fomenten o espírito do Nadal” tal e como explican dende o Concello.
Un xurado profesional foi o encargado de fallar o concurso, concedendo o primeiro premio ao establecemento comercial El Edén del Paladar, que recibirá 800 euros, quedando deserto no caso dos locais de hostalería. O segundo premio foi para o establecemento Pan de Plata, gañador de 400 euros; e o terceiro, de 200 euros, foi para o comercio Dímelo con flores. Todos os locais premiados recibirán tamén un diploma.
O xurado estivo composto polo fotógrafo José Luis Rodríguez (Pradero); o escaparatista e mestre desta materia no CIFP As Mercedes, José Manuel Castro; e a mestra da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Carmen Fernández. Valoraron os materiais empregados, a dificultade do proceso de elaboración, a orixinalidade, a utilización de elementos da propia actividade e a ornamentación e a vistosidade do traballo.