Tres formacións da corporación municipal, como son PP, Lugonovo e BNG-Asembleas Abertas, fixeron as súas propostas sobre o modelo de xestión para o servizo ORA que queren para Lugo. Foi na primeira comisión técnica celebrada para levar a cabo a municipalización da zona azul. En termos xerais, os tres partidos coinciden en que o servizo sexa totalmente de balde e limitado no tempo, aínda que difiren nalgúns detalles.
En concreto, o grupo municipal popular defendeu un sistema de rotación gratuíto “controlado polo Concello e exclusivamente naquelas zonas onde sexa estritamente necesario, incluso só en fragmentos dalgunha das rúas nas que existía agora”, explica o voceiro, Jaime Castiñeira. Así mesmo, os populares solicitan que o Concello deixe de xestionar o transporte urbano e a zona ORA de forma independente. “En lugar de ter unha visión global de conxunto, con pasos encamiñados cara a un modelo común, o que hai é un goberno perdido que non sabe por onde anda”, asegura o voceiro popular.
Lugonovo, pola súa banda, suxeriu que as prazas reguladas polo sistema ORA estean só fóra da Muralla, sexan de balde e permitan un estacionamento non superior a 30 minutos “para optimizar a rotación”. O grupo tamén fai suxestións en relación aos medios de transporte público, para “reducir ao máximo a presenza de vehículos no casco vello da cidade” e para iso “sería preciso ofrecer como alternativa varios aparcamentos disuasorios, de fronteira e intermodais”, apunta o portavoz da formación, Santiago Fernández Rocha.
Mentres, para os nacionalistas o servizo debe ser “gratuíto de tempo limitado”, situando as prazas de aparcadoiro rotatorio nas proximidades dos edificios administrativos como o da Xunta, os Xulgados, ou o Concello “con tempos que poidan roldar a hora, a maiores de introducir algunhas, en torno a un 10% das totais con tempo reducido, que poida ser sobre 30 minutos en barrios comerciais como Fontiñas e a Milagrosa”, explicou o voceiro, Rubén Arroxo. O edil do BNG tamén apuntou que cómpre ligar isto á conexión de aparcadoiros disuasorios con liñas de buses frecuentes.
Vendex
Os populares, ademais de facer propostas tamén esixiron ao goberno local aclaracións sobre a xestión anterior da zona azul, en mans de Vendex. Así, Castiñeira pide explicacións ao Concello sobre a débeda de 800.000 euros que a empresa mantén coas arcas municipais. O voceiro popular indica que “despois de máis de cinco meses da rescisión do contrato, aínda non se procedeu á liquidación coa empresa, polo que non están saldadas as contas, de xeito que Vendex non ingresou a parte correspondente da recadación polo menos do último mes”.