O PP alerta dos perigos do caos de tráfico e o BNG pide ao goberno local que tome “en serio” a mobilidade

Os grupos municipais de PP e BNG-Asembleas Abertas denunciaron a situación da circulación na cidade de Lugo durante estes días, onde se están rexistrando importantes retencións na zona centro. Os populares atribúen a situación á falta dun plan de tráfico específico para estas datas, que permitise “atenuar” o impacto de dous factores, un ordinario, como é o incremento de vehículos pola campaña de Nadal, e outro extraordinario, que se refire á presenza de tractores na Ronda da Muralla.

O edil popular Antonio Ameijide alertou dos perigos que pode implicar esta situación no caso dunha emerxencia, asegurando que “un atasco de media hora ou dunha hora é engorroso pero asumible para un condutor calquera, pero no caso dun camión de bombeiros ou dunha ambulancia ese tempo para atravesar un punto é o que pode marcar a diferenza entre a vida e a morte”.

Así, para Ameijide o “colapso” que vive a cidade non é só de circulación. “Cada paso que deu a alcaldesa en materia de tráfico para o único para o que serviu foi para facer aceptable a xestión que realizara nesta materia López Orozco”.

Mentres, o voceiro do BNG, Rubén Arroxo pide ao goberno que “tome en serio o tema da mobilidade en Lugo”. O nacionalista lembrou que a súa  formación “xa fixo diversas propostas de mellora na regulación do tráfico e a respecto de incrementar as zona peonís e reforzar o transporte público”.

Para o BNG – Asembleas Abertas “estes días demóstrase que o modelo de mobilidade actual está totalmente esgotado e hai que tomar medidas”. Rubén Arroxo insta ao goberno municipal a comenzar a traballar para dar unha solución ao tráfico en Lugo “apostando por un modelo máis sostible e máis humano”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com