A CEL apoiarase na Lei Mordaza para reclamar a saída dos tractores da Ronda

Rematou o prazo de 48 horas dado pola CEL ao colectivo Agromuralla para cambiar o rumbo das súas protestas, pero tal e como xa anunciaran os gandeiros, os tractores quedan onde están. Por iso, a Confederación de Empresarios de Lugo porá en marcha o seu plan B para tentar conseguir que Agromuralla deixe libre a Ronda xa que, tal e como veñen denunciando, a tractorada está provocando prexuízos, tanto a nivel económico como de tráfico e seguridade.

Por iso, a CEL encargou aos seus servizos xurídicos a elaboración dun informe fundamentado no ordenamento legal “para ver as posibilidades de que esta protesta, que está afectando á cidade de Lugo dende hai case un mes, teña unha data de finalización ou poida paralizarse de forma inmediata”, aseguraba o secretario xeral da confederación, Jaime López.

Un documento que a CEL vai remitir tanto á Subdelegación do Goberno como ao Concello de Lugo e que fai referencia á Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza, que segundo Jaime López, “establece que os vehículos ou obstáculos que estean na vía pública e que poidan prexudicar á orde do tráfico e a seguridade dos cidadáns poden ser retirados pola autoridade gobernativa, que neste caso en competencias é a Subdelegación do Goberno”.

Colaboración CEL-Cámara de Comercio

Esta mañá representantes da CEL e da Cámara de Comercio asinaron un convenio de colaboración que permite o traslado da sede da Cámara ás dependencias da CEL. Desta maneira a entidade cameral poderá comezar a prestar os seus servizos a través da estrutura física e de persoal da confederación.

Concretamente, o acordo asinado especifica que “terá como obxecto principal o desenvolvemento por parte da Confederación de Empresarios de Lugo de cantas actuacións resulten necesarias para facilitar o cumprimento por parte da Cámara Oficial de Comercio das funcións que ten legalmente encomendadas, dada a súa precaria situación económica actual que lle imposibilita para cumprir con tales obrigacións sen auxilio ou colaboración externa”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com