A Subdelegación do Goberno tomará mañá unha decisión sobre a tractorada pero garantindo “o dereito de manifestación”

Todas as miradas apuntan estes días cara a Subdelegación do Goberno en Lugo. Empresarios, comerciantes, hostaleiros e mesmo o Concello de Lugo piden a esta administración que tome medidas para rematar cunha tractorada que xa dura máis dun mes. Así, ao longo da mañá o subdelegado, Ramón Carballo, reuniuse con responsables da Policía Nacional e Garda Civil, así como cos servizos xurídicos da administración co obxectivo de estudar o informe da Policía Local así como os enviados pola CEL, a Federación de Comercio e a de Hostaleiros de Lugo (APEHL).

Ao remate destas xuntanzas, Carballo quixo deixar moi claro, e así o repetiu varias veces, que todas as decisión que se tomen terán que “respectar o dereito fundamental a reunión e manifestación”. Pero ao mesmo tempo recoñecía que as molestias e os atascos que están provocando os tractores están creando “unha certa crispación que vai en aumento entre a cidadanía, algo que temos que tratar de evitar entre todas as administracións”.

O subdelegado explicou que nos informes quedou constatado que “existen dificultades de tráfico na Ronda da Muralla e nas súas vías adxacentes” ao tempo que matiza que “non se produciron feitos denunciables referidos a seguridade cidadá, ou polo menos non están recollidos neses informes, nin tampouco problemas dos servizos de emerxencia ou problemas de desabastecementos, nin dentro nin fóra da Muralla, dado que as vías de entrada e saída ao recinto histórico estiveron sempre libres porque non se colocaron tractores neses accesos, como así se lle pedira á asociación Agromuralla”.

Desta maneira, Carballo anunciou que xa ten solicitados novos informes ao Concello e á Policía Nacional, de xeito que mañá está previsto que esta institución tome unha decisión e dicte unha resolución sobre o futuro da tractorada.

O subdelegado do Goberno tamén se reuniu con representantes de Agromuralla, aos que mantivo informados do proceso e tamén lles fixo saber “a situación á que se poden enfrontar a partir da resolución que se produza ao longo do día de mañá”.

Ramón Carballo quixo expresar tamén que “polo momento o único que se plantexou foi un problema de tráfico, do cal é competente o Concello a través da Policía Local”, en clara alusión ás críticas da administración local nas que acusaba á Subdelegación de facer “escapismo” e “deixamento de competencias”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com