Nin 10 minutos pasou fronte á xuíza Pilar de Lara, que instrúe o Caso Garañón. José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE e ex presidente da Deputación de Lugo acudía esta mañá aos Xulgados de Lugo sen avogados, motivo polo cal dixo non poder declarar. A súa defensa atopábase a centos de quilómetros da capital lucense, asistindo a outro cliente nun caso moi mediático en Málaga. Unha circunstancia que os propios avogados de Besteiro comunicaron con moito tempo de antelación á xuíza, tal e como explicou o socialista, solicitando un cambio de data que De Lara non autorizou.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE explicou que a xuíza, na contra de aprazar a vista, propuxo como alternativa que acudise a testificar cun “avogado de oficio en prácticas, co cal nestas circunstancias desta suposta macrocausa, o dereito á defensa veríase moi condicionado”, matizando que o problema non é o avogado de oficio, xa que el tamén exerceu como tal, senón a dificultade de calquera persoa para asimilar “en cinco minutos” un caso que se achega aos 20 tomos.
O socialista repetiu en numerosas ocasións que quere prestar declaración canto antes, e lembra que leva medio ano agardando para poder explicarse ante a xuíza. Por iso Besteiro ironiza coa situación, asegurando que “parece que nestes seis meses de espera só se podía facer a declaración o 12 de xaneiro”. O socialista asegurou non entender “esta forma de proceder”, cando “todo o mundo ten dereito ao seu avogado, e eu tamén son todo o mundo. De feito creo que é o primeiro que entende ata un pequeno cando ve o seu primeiro telefilm americano”.
Política e retrasos
“O menos interesado en dilatar esta cuestión son eu” afirmou, por unha banda por motivos “familiares e persoais”, pero tamén por unha “cuestión política evidente” xa que se postula como candidato socialista á presidencia da Xunta”, sen esquecer a economía, xa que “eu pago aos meus avogados cos meus aforros.
Ademais Besteiro insinúa que os retrasos na súa declaración poden ter vinculación con asuntos políticos, lembrando que fora citado a declarar no mes de xullo do ano pasado, vista que quedara aprazada “coincidindo cunha acción política do PP por parte de Feijóo de vetar o meu nomeamento para o Senado”.
“Non hai caso”
Besteiro insiste en que non hai caso, e que xa no seu momento fixera un “streptease económico e patrimonial” no que se amosaban as súas posesións e a súa procedencia. Asegura estar tranquilo e non ter “temor a que poida haber un reproche penal contra min”.
O Caso Garañón
José Ramón Gómez Besteiro foi chamado a declarar como imputado no Caso Garañón, no que a xuíza investiga supostas irregularidades na concesión da licenza para construír este edificio situado nas costas do parque Rosalía de Castro. Unha licenza outorgada hai máis de 10 anos, na época na que Besteiro era edil de Urbanismo no Concello de Lugo. Os delitos que se lle imputan son catro: tráfico de influencias, prevaricación, contra a ordenación do territorio e suborno.
Discrepancias no PSOE
Á marxe deste caso, preguntado polo comité nacional do PSdeG-PSOE celebrado o domingo, no que se alzaron algunhas voces críticas e discordantes no partido, Besteiro considera que forma parte da normalidade democrática. Recoñece que se formularon “críticas construtivas ás que sempre hai que atender” e asegura que “falamos libremente porque no PSOE temos capacidade de diálogo e de discusión, e iso é o que se fai nun comité nacional”, rematou.