O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, descartou a celebración dun Congreso local en Sarria neste momento. Corta así de raíz a posibilidade de abrir unha fenda dentro dos populares sarriaos por mor dos intereses dun concelleiro da localidade.
Sinala que o PP a nivel local mantén a súa total operatividade na figura do seu Presidente asistido polo conxunto da Executiva, órganos de dirección local que manteñen a súa plena vixencia e que traballan con total normalidade.
Desde a dirección provincial confirman que a convocatoria dos congresos está definida nos estatutos do Partido Popular e que a celebración dos mesmos vén marcada pola folla de ruta que xa se adiantou desde Génova, esta mesma semana, e en palabras de Mariano Rajoy “primeiro terá lugar o congreso nacional, despois se celebrarán as citas autonómicas, seguidas das provincias e, finalmente, as locais”.
Balseiro indicou tamén que non existe razón para a celebración dun Congreso local de carácter extraordinario en Sarria e que o obxectivo principal do Partido Popular nesa localidade “debe ser traballar para dar estabilidade ao Goberno municipal” algo que os actuais mandatarios do Concello e a alcaldesa socialista no garanten “porque son un goberno débil” e que esta postura é totalmente congruente co sinalado polo presidente do PP de Sarria.
O secretario xeral dos populares lucenses insiste nesta idea e indica que os populares traballarán tanto en clave local como nacional convencidos de que agora é o momento de contribuír á estabilidade, coa conformación de gobernos fortes que permita traballar para impulsar as reformas que se estimen necesarias e por consolidar a incipiente recuperación económica.