Para Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida “non é responsable nin democrático que se pretenda despachar en 14 días ante todos os grupos da oposición un documento que vai determinar as inversións de todo un ano”. Segundo Carlos Portomeñe “é practicamente imposible que demos o noso apoio a uns orzamentos que non imos poder consultar co tempo debido e aos que non se nos invitou a facer aportacións propias”, afirmou.
O voceiro da coalición explicou que “a primeira e única información que chegou ao noso grupo municipal sobre a planificación de partidas orzamentarias para 2016 é o esbozado a grandes trazos nos xornais desta mañá. Non recibimos en ningún momento ningún correo coa proposta do goberno nin se nos convocou a ningunha reunión para achegar as nosas”.
Portomeñe declarou que a situación “non resulta sorprendente, pois xa estamos habituados ao modus operandi do equipo de Lara Méndez: opacidade no tratamento das decisións clave para a cidade, que son as que deberían contar co maior consenso posible dos grupos da corporación; ninguneo absoluto da oposición, que sempre é a última en recibir calquera comunicación que parta do executivo local; e invención de reunións de negociación ficticias cos grupos políticos”.
ACE-EU considera ademáis “un agravio comparativo moi inxusto que certos grupos da oposición si tivesen a oportunidade de incluir achegas aos orzamentos mentres que os demais nin sequera saiban da súa existencia”.