A partir de hoxe os bombeiros de Lugo contan cun camión escaleira que alcanza 42 metros de altura, o que equivale a unha planta 13 ou 14. Calquera edificio de Lugo pode ser evacuado grazas a esta nova dotación que foi presentada este venres ao público, nun acto ao que asistiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outros membros da Corporación Municipal, e que incluíu unha demostración do seu funcionamento.
“Este novo equipamento co que o Concello dota ao Parque de Bombeiros Municipal e aos seus 45 profesionais supón unha importante mellora na seguridade dos veciños e veciñas da nosa cidade, ao facilitar as tarefas de rescate en situacións de emerxencia”; destacou a rexedora.
O Concello destinou á compra deste vehículo 950.000 euros, un “investimento imprescindible”, tal e como o definiu Méndez, pois “toda dotación que garanta a seguridade dos nosos veciños e facilite o traballo dos profesionais que velan por ela non é un gasto senón un investimento”. O camión escaleira, da marca alemana Magirus, facilitaralle o traballo ao corpo de bombeiros, xa que o último tramo da escaleira, uns 6 metros, é articulado. Leva unha tubaría que permitirá a subministración directa de auga á zona da cesta, con capacidae para unhas 4 persoas con equipos de protección.
O camión que se incorpora ao Parque de Bombeiros dispón de tecnoloxía avanzada que permite altas prestacións. Por exemplo, memoriza as manobras realizadas nun espazo de quince minutos, repetíndoas automaticamente en caso de ser preciso, o cal facilita moito o traballo dos bombeiros en casos de especial complexidade. Ademais, a escaleira conta con proxección perpendicular de subida e de baixada, así como cun grupo electróxeno capaz de accionarse dende o cesto e un sistema de iluminación que permite realizar maniobras de rescate durante a noite. Para o seu manexo son necesarios dous profesionais, aínda que nas saídas nas que sexa preciso utilizalo sairán tres nel.
No acto, a Alcaldesa avanzou que “este Goberno municipal, como fixemos dende que comezamos a gobernar, aposta e seguirá apostando pola mellora de equipamento dos bombeiros e por incrementar a plantilla, algo que sabemos que é necesario”. Neste senso, Méndez deu a coñecer as últimas melloras acometidas no parque, unhas actuacións para as que o Concello destinou 130.000 euros. Trátase do acondicionamento da torre de prácticas, que levaba sen mantenemento dende hai 20 anos, e que se empregarán en vindeiros días nun curso de rescate urbano para 30 persoas, da instalación de extractores de gases nos camión e da adquisición dun armario para as recargas de botellas dos equipamentos de respiración.