O grupo municipal Lugonovo denunciou hoxe o que eles cualifican de “vaga de roubos” na cidade, unha situación que “obriga ás administracións a reaccionar” e a actuar “conxuntamente”. Desta maneira, Lugonovo reclama como medida urxente a convocatoria dunha nova Xunta Local de Seguridade na que “tódolos corpos e forzas policiais colaboren no deseño dunha estratexia que desanime ás bandas a facer o seu agosto en pleno inverno, a costa do patrimonio dos lucenses”, asegura o seu voceiro, Santiago Fernández Rocha.
Neste sentido, os edís da formación reivindican a importancia “agora máis ca nunca”, de retomar a tramitación para que as 30 cámaras de videovixilancia instaladas no Ceao, “e que custaron no seu momento 210.000 euros”, volvan entrar en funcionamento. Fernández Rocha lembra que estes dispositivos teñen efectos disuasorios, polo que “está máis que acreditada a súa necesidade”.
Por iso reclaman que, tanto o equipo de goberno como os propios empresarios, retomen as conversas para tratar de legalizar o sistema e “acadar o visto bo da Comisión de Garantías”, sen esquecer a posibilidade de “estender o seu uso a outros polígonos do municipio que, a este paso, serán tamén vítimas fáciles da avaricia dos ladróns”.