O Lugo-Oviedo podería ser “de alto risco”

A Comisión Antiviolencia decidirá este xoves se o encontro que disputarán o Lugo e o Oviedo o sábado no Anxo Carro é declarado de alto risco. Polo momento tanto a directiva do club lucense como os corpos policiais propuxeron que o partido teña esta consideración. Unha decisión tomada na Xunta de Seguridade celebrada hoxe na sede da Subdelegación do Goberno e presidida polo seu representante, Ramón Carballo, e á que tamén asistiron membros do CD Lugo, representantes da Xunta de Galicia, da Policía Nacional, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Autonómica, da Policía Local e de Protección Civil.

Na reunión deuse a coñecer que o Real Oviedo renunciou de forma oficial ás 900 entradas que lle ofrecera o CD Lugo despois de que o club asturiano solicitase 3.000 localidades no Anxo Carro. Desta maneira resulta imposible “controlar a venda de entradas” e o número de “afeccionados do club asturiano que se poidan desprazar a Lugo para asistir ao encontro” explican dende a Subdelegación. Este foi un dos principais motivos para que os asistentes á Xunta de Seguridade acordaron dirixirse á Comisión Antiviolencia, un órgano que vela polo respecto e a tolerancia no deporte.

Aínda así, os asistentes á xuntanza comezaron a perfilar o dispositivo de seguridade que se vai despregar durante a xornada para previr calquera incidente ou altercado que se poida producir, non só no interior e nas proximidades do Anxo Carro, senón tamén noutros puntos da cidade. No dispositivo de seguridade participarán efectivos da Policía Nacional -que barallan solicitar o reforzo dunha Unidade de Intervención Policial (UIP)-Policía Local, efectivos da seguridade privada do club e Protección Civil. Ademais establecerase un dispositivo de tráfico para controlar os accesos ao estadio e para garantir a normalidade na circulación na súa contorna.

Na reunión tamén se traballou no plan de seguridade para os encontros do Lugo na casa contra a Ponferradina e contra o Zaragoza, aínda que nestes dous casos o dispositivo non será tan amplo, polo menos de momento, xa que o risco potencial previsto é menor.

Vaga de roubos

Estes días estanse producindo unha serie de roubos na cidade que segundo o subdelegado do Goberno en Lugo “están creando alarma social”, aínda que Carballo considera que non existen motivos xa que se trata só dun “repunte” na delincuencia “como se vén producindo en anos anteriores e en diferentes épocas do ano”.

Carballo explica que os datos son moi similares nos últimos ano,s de forma que Lugo “segue estando nos mellores índices de delincuencia de Galicia e de España, pero aínda así debemos estar alerta e as forzas de seguridade deben seguir traballando para evitar eses delitos”. Ademais, o subdelegado confirmou que nos últimos días se produciron detencións de persoas relacionadas con roubos e entradas en vivendas “que foron postos a disposición xudicial”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com