Renuncia da adxudicataria a construír o ascensor do Sagrado Corazón

A empresa Excavaciones J. Fernández, ata o de agora adxudicataria da obra de construción do ascensor no barrio do Sagrado Corazón, decidiu non acometer os traballos. Alega defectos no proxecto que lle impiden executalo, un suposto que o voceiro do goberno, Miguel Fernández, negou esta mañá, durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Local.

Ademais, Fernández explica que a asesoría xurídica constata que “o momento no que se deben advertir supostas deficiencias do proxecto non é tras a adxudicación, senón durante o prazo de licitación para que, unha vez avaliadas polos técnicos competentes, a Administración contratante poida acordar, en caso de existir efectivamente ditos erros, o abandono do proceso”. O voceiro socialista lembra que a obra estivo a disposición dos interesados durante todo o prazo de licitación (dende o 7 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2015), “sen que durante este período nin o adxudicatario nin os restantes licitadores manifestaran a existencia de deficiencias ou dúbidas respecto ao seu contido”.

Unha infraestrutura que comunicará a parte alta e baixa do barrio e que é unha demanda histórica dos vecinños da zona. No mes de decembro de 2014 iniciouse o proceso de licitación, pero non foi ata o mes de abril de 2015 cando se asinou o contrato con esta empresa que agora renuncia á obra pola que presentara unha oferta de 190.000 euros cando o orzamento inicial era de 220.000 euros.

Agora o Concello terá que volver sacar a obra a licitación, algo que “faremos de inmediato para que o proxecto poida estar adxudicado o antes posible. Darémoslle a máxima prioridade”, afirmaba o voceiro, aínda que esta cancelación vai implicar un retraso na súa execución.

Reaccións

O grupo municipal popular cualificou de “esperpéntico” que o goberno local se vexa obrigado a iniciar de cero o expediente para a construción do elevador do Sagrado Corazón en palabras do voceiro, Jaime Castiñeira. O popular considera que “o modelo do agardado ascensor do Sagrado Corazón é o modelo PSOE”.

O voceiro engade que “non hai desculpas que minimicen chegar a este punto de inacción e que xustifiquen novos retrasos”. “Despois de 10 anos de promesas deixar agora pasar o prazo de construción e volver iniciar o expediente pon en evidencia a incapacidade deste goberno”.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com